Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Atletismo

“No único lugar onde non cobro por correr é en Galiza”

Pedro Nimo está a organizar estes días unha carreira solidaria con Angola, onde el colleu a malaria mentres participaba nunha competición.

Redacción - 09:30 17/06/2007
Pedro Nimo

Pedro Nimo

El tamén é dos moitos corredores galegos que tiveron que marchar de Galiza para adestrar e competir cun equipo que lles puidese pagar. "Non entendo eu por qué teño que estar nun clube de Guadalajara, cando en Galiza hai clubes e clubes, e coma min, pásalle o mesmo a Manuel Penas, que está no Jerez; ou Suso de la Fuente, que corre no Playas de Jandía. No único lugar onde non cobro por correr é en Galiza".

A Pedro Nimo resúltalle estraño ver como Galiza, un país cunha forte tradición no atletismo, ben enraizada, con corredores que foron internacionais olímpicos como Julia Vaquero, Carlos Adán, Carlos de la Fuente... teña unha federación que esquece a importancia de formar á xente no deporte dende a base, e que apenas apoia os clubes para que poidan manter os corredores na casa.

"Eu non cobro coma Ronaldinho, pero fun dos moitos que tivo que pasar polo aro e emigrar para poder comer"

Nimo lamenta non ter podido quedar na casa, e está mesmo pensando en empadroarse en Guadalajara –corre, dende hai un ano, para o CCM Rayet Guadalajara- e competir con Castela A Mancha nas probas estatais, tal é o pasotismo que denuncia da federación galega: "Tiñan que pensar que hai algo que están a facer mal".

Pedro Nimo comezou a correr en Compostela, no colexio Pío XII e logo no Peleteiro. Foi o mestre Carlos Silva quen case o obrigou a correr, cousa que Nimo lle agradece sempre, xa que o introduciu nun mundo que é a súa paixón. O que lle gustou de veras daquela que comezaba foi o ambiente nas carreiras, o compañeirismo e a xente toda que coñecía.

Agora, uns anos logo, Nimo é Campión Galego de Cross, e lévao sendo os tres últimos anos; ademais foi internacional en campionatos de Europa e do Mundo e é o único atleta que gañou o mesmo ano os campionatos estatais de cross curto e longo, e ademais fíxoo dous anos seguidos e está segundo no ránkin estatal de media maratón.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: