Fillos de Galicia emprende unha nova campaña para financiar os gastos do portal fillos.org.
A Asociación Cultural Fillos de Galicia pon en marcha a versión 2.0 da súa Parcelaria Virtual pola Cultura Galega para o financiamento do seu portal fillos.org, dedicado aos emigrantes e aos seus descendentes. O crecemento constante da comunidade, da que xa forman parte máis de 4.600 persoas de todo o mundo, fixo que aumentasen os gastos do servidor, polo que houbo que buscar unha nova vía de ingresos.
O novo proxecto Parcelaria permite adquirir terreos virtuais nun mapa de Galiza cunha ligazón á páxina que o comprador desexe. Na primeira versión da iniciativa podíanse mercar parcelas por 10 anos a case 400 euros, pero agora tamén é posíbel adquirilas anualmente, o que tamén é máis accesíbel para os internautas.
Coa campaña pretenden financiar os gastos do novo servidor, necesario para soportar o crecente número de visitas, e mais os salarios dos traballadores do portal. Na campaña do ano pasado superaran os 13.000 euros.