Os obxectivos económicos aparecen como argumentos fundamentais para o novo impulso. Mentres, o próximo primeiro ministro británico, Gordon Brown, ameaza con bloquear o debate.
En poucos días e ás portas de que a presidencia alemá lle ceda quenda a Portugal, a chanceleresa Angela Merkel fará presión para a aceptación polo conxunto dos socios europeos do calendario de debate para a definición dun novo tratado constitucional. A proposta de Merkel pretende que o documento sexa ratificado antes das eleccións europeas de 2009.
O Centre for European Reform, un think-tank con sede en Londres, presentou recentemente un estudo onde sinalan como podería conseguirse o consenso entre todos os estados. Como factor de peso para o impulso do tratado citan os beneficios comerciais dos que todos os gobernos serían conscientes. Os autores do informe consideran que os tratados asinados até o de agora xa aseguran as políticas liberalizadoras da UE e non cren que a Euroconstitución vaia modificar iso. Entre os beneficios destacan que se melloraría o proceso de decisións sobre o orzamento comunitario e que por exemplo, a UE podería ter representación legal conxunta fronte ás institucións financeiras internacionais.
Ameaza de veto desde o próximo executivo británico
Fronte ao relanzamento do proceso andou lixeiro esta semana Gordon Brown, quen fronte á próxima retirada de Tony Blair será o seu sucesor como primeiro ministro británico. Segundo avanzou The Daily Telegraph, Brown mira con preocupación o encamiñamento do debate e xa decidiu que bloqueará os contactos entre os socios europeos se na mesa se pon a cuestión da cesión á UE de poderes nas áreas de xustiza e interior. Brown é coñecido por manter tradicionalmente unha posición máis tinguida de euroescepticismo que Blair, e temería ademais que o estremo de necesitar dun referendo sobre a Euroconstitución castigase os laboristas nas urnas.