Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
ENTREVISTA

Ricardo Gurriarán: a sublevación franquista significou "a liquidación dun capital humano de moito valor"

O vindeiro sábado 16 de xuño Ricardo Gurriarán presenta no Centro Galego de Barcelona o seu libro "Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago de Compostela". Polo rigor e orixinalidade do seu traballo acadou o Premio da Crítica de Investigación 2007. Nesta entrevista coñecemos mellor a este investigador comprometido, de saber enciclopédico e sempre ameno.

Redacción - 08:00 13/06/2007

Vieiros Barcelona: Houbo que adiar a presentación do libro en Barcelona porque ese mesmo día tiña que recoller o Premio da Crítica. Como recibiu o premio?

Ricardo Gurriarán: Con moita ledicia, pois é un premio dos máis acreditados do país e con máis “soleira”. Tomeino como un recoñecemento a un traballo que levou moito tempo fialo, e que, seu obxecto (construción/”deconstrución” da comunidade científica da US no primeiro terzo do século XX), que estaba inexplorado, resultou unha achega historiográfica bastante aceptable. Quero facer un recoñecemento expreso ao xurado, que soubo aprezar o meu traballo, independentemente da coincidencia das conmemoracións dos últimos tempos (azarosas coa cronoloxía da factura do libro), que puideron ter incidido na súa decisión.

V.B. :Nesta edición dos Premios da Crítica tamén foi galardoado Isaac Díaz Pardo, precisamente nun momento moi delicado na súa relación cos novos xestores de Sargadelos.

R.G.: Isaac, empresario emblemático de Galicia, é o referente de moitos de nós nos labores “recuperadores”. É unha desgraza que hoxe o seu capital creador, multidisciplinar, se pretenda deslixitimar e cuestionar por parte dos seus opoñentes, por non querer comprender que as “plusvalías” se poidan entender en termos non exclusivamente económicos

V.B. :En "Ciencia e conciencia..." explica a importancia dunha política de bolsas de viaxes ao estranxeiro?

R.G.: Si, efectivamente, unha das principais ferramentas para saír do illamento científico español foi a política científica de bolsas “apadriñada” polo institucionismo, da man da JAE (Junta para la Ampliación de Estudios, 1907). Durante un cuarto de século, un total de 2.500 estudantes e profesores saíron a Europa e América, aos principais centros científicos de referencia, a ampliar estudos. Deles, unha boa parte eran galegos, ou docentes foráneos que viñeron dar a Santiago. Logo verterían os novos coñecementos aquí, dando un importante pulo á modernización da institución universitaria santiaguesa. A maior parte destes docentes mozos formados no estranxeiro, serían o principal activo co que contou Rodríguez Cadarso para modernizar e democratizar as obsoletas estruturas universitarias do noso país, abrindo a institución á sociedade galega.

V.B. :Que significa a sublevación franquista en relación á ciencia en Galicia?

R.G.: A liquidación dun capital humano de moito valor e a interrupción dun ciclo á alza, que tardaría moitos anos en volver ás cotas acadadas en 1936 (acceso da muller á investigación e á docencia, formación de equipos de traballo estables, conexión cos principais centros de investigación estranxeiros, publicacións científicas nas principais revistas especializadas...). A depuración do profesorado universitario levada a cabo desde os primeiros momentos do golpe atinxiu a un tercio do cadro de persoal santiagués. Desde o apartamento definitivo da docencia, o obrigado exilio, ata a marxinación persoal, houbo moitas sortes represivas entre os docentes, que, dalgún xeito, marcaron fondamente os pasos posteriores destes comprometidos profesores, e, por extensión, da US, artellada, desde a “victoria” de 1939, por méritos de guerra, como factor fundamental para establecer o perfil do novo profesorado; que vai excluír aos integrantes da que podiamos chamar “xeración perdida”.

V.B.: Entre tantas biografías científicas interrompidas, podería salientar algunha?

R.G.: Pois as de Parga Pondal, cecais o científico galego con maior proxección naquel momento no terreo da Xeoquímica, disciplina na que foi o introductor en España. Despois da Guerra, logo de ser expulsado da docencia, refuxiouse no seu Laxe natal, sen volver máis a impartir docencia. Ou Martín Sauras, un aragonés que deixou fonda pegada en Compostela, quen, logo de pasar polo cárcere e os campos de traballo, tivo que incorporarse á docencia en Zaragoza, capitidiminuído. Ou Fernando Calvet, un químico novo, quen, logo de ser apartado do labor docente, foi recuperado por Zeltia, onde chegou a ser seu director científico, acadando cotas de investigación de gran valor.

V.B.: Refírese a Fernando Calvet Prats, un nacionalista catalán que chega a profesor na universidade de Compostela e revoluciona a vida universitaria.

R.G.: Efectivamente. Calvet, que traballou a carón de dous Premios Nobel, formou parte deses innovadores que transformaron cualitativamente a vida universitaria de Compostela, con novas actitudes: eliminación das barreiras entre profesor e alumnos e alumnas, compartir lecer con eles e con elas, e un alto grao de compromiso en terreos ata o daquela insospeitados (xeración de recursos propios, creación de institutos de investigación, elaboración de investigacións en equipo, sinatura de traballos a carón dos seus discípulos/as... e un elevado rendemento na investigación, con profusión de traballos publicados). Xunto aos citados, Calvet formou parte daquel núcleo transformador que foi a Sección de Químicas da Facultade de Ciencias.

V.B.: O seu pai, Gonzalo Gurriarán, un dos científicos que vostede estuda, tamén foi fundador do Club Peña Trevinca.

R.G.: GG, foi un daqueles estudantes “republicanizados” que sufriu as consecuencias da Guerra Civil. Desde a súa formación nos apéndices institucionistas (Residencia de Estudantes de Madrid, formación en Europa...), aprendeu a disfrutar e a respeitar a natureza. A creación deste club, entre outras moitas cousas, entre as que podemos citar “amar e significar os valores do propio”, foi un recurso para resolver a súa sociabilidade, tremendamente reducida nos momentos da posguerra. Alá, nas montañas valdeorresas confluíron toda sorte de persoas que, polas circunstancias, viron mermada a súa capacidade de relación: Amalia Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Peña Rey, os irmáns Villaverde, Eduardo Fuentes Canal, entre outros e outras. Chegaron a sobrepasar o milleiro de asociados e asociadas cara aos anos 50, exemplo salientable nunha experiencia asociativa galega de corte naturalista, onde a muller tiña unha presenza significativa.

V.B.: Como ve o deporte en Galicia na actualidade?

R.G.: Excesivamente profesionalizado, carente dunha política deportiva de base: práctica/divertimento/lecer.

Non é a primeira vez que fala en Barcelona. Hai algúns anos, no mesmo Centro Galego, tivo ocasión de falar do seu tío, Florencio Delgado Gurriarán...

R.G.: Foi a primeira publicación miña, e a primeira vez que traspasaba o Manzanal para falar de algo que eu fixera. Dúas cuestións dificilmente inesquecibles, a maiores do bo trato e a cantidade de amigos e amigas que teño, ligados a esta importante entidade. O “bule-bule creativo-cultural” de Anxo Baranga e o agarimo anímico-sintónico de Helena González son dous piares que arrastran a calquera a facer...

V.B.: Como ve, desde a distancia, a vida cultural galega en Cataluña?

R.G.: Coma nas cualificacións escolares, eu daríalle un PA. Grazas aos avances tecnolóxicos, hoxe podemos consultar “nos medios de pantalla caseira” o gran despregue que está a facer a comunidade galega en Cataluña, no eido cultural. Mesmo, percibo como as entidades oficiais están a desenvolver unha colaboración/”intervención” diferente a do “folklorismo” ao que nos tiñan acostumado os anteriores reitores, e a ter presenza directa ou indirecta nos lugares culturais da diáspora. Eu, como “consultador” de Vieiros, e como receptor dos correos do Baranga, así o percibo. Tampouco hai que esquecer o facho irradiador da nosa cultura que parte dalgún lugar da Universidade de Barcelona, entre outras moitas iniciativas con pegada de país.

V.B.: Moitas grazas.

----

Presentación do libro "Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago de Compostela (1900-1940)".

Participan: o autor e historiador Ricardo Gurriarán e mais o historiador Jaume Claret, da Universitat Pompeu Fabra e a profesora Helena González, da Universidade de Barcelona

Sábado, 16 de xuño de 2007
Sala Ferrío, ás 19:30h
Centro Galego de Barcelona
Rambla Caputxins, 35-37 - Barcelona


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: