Foi presentado un borrador transversal, que prevé actuacións en diferentes ámbitos: a formación artística, as industrias culturais, mercados e públicos.
A Consellaría de Cultura e Deporte presentou o borrador do Plan Galego das Artes Escénicas, que comezará a ser debatido este mesmo mes por máis de 60 representantes de todos os axentes implicados. O plan non ten precedentes en Galiza. Como explicaron a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e o xerente do IGAEM, Miguel Martín, o Plan estabelecerá o ámbito integral de actuación de todos os poderes públicos.
O proxecto propón encamiñar os pasos cara a unha política integral, que inclúa e comprometa no seu desenvolvemento a todos os departamentos das distintas consellarías que teñan competencias no eido das artes escénicas, dende todas as dimensións posíbeis: a cidadá, a artística e a económica. Para iso, o Plan estrutúrase en cinco eixos fundamentais: o da formación e creación artística, o da integración das artes escénicas na vida comunitaria, o das industrias culturais, o dos mercados e os públicos e o da proxección exterior.
Entre as medidas concretas proponse ampliar a rede de espazos escénicos, mellorando as súas capacidades técnicas e fomentando a colaboración entre eles; darlle especial pulo á figura dos teatros asociados ao Centro Dramático Galego para acadar unha maior difusión das súas producións; a facilitar o acceso de todos os públicos, para o que se implantarán servizos de atención aos menores e ás persoas dependentes. Pénsase na dimensión social do teatro a través de proxectos piloto de animación sociocultural dirixidos a colectivos con risco de exclusión social, e nun programa cultural específico no eido escolar para incentivar o hábito de consumo de teatro no alumnado.
Apoio ás compañías
Pensando xa nos axentes creadores, o plan contempla a creación de residencias temporais para compañías privadas e para novos creadores e creadoras individuais, e a concesión de apoios financeiros reforzados para as producións innovadoras. Ademais, farase pola consolidación das empresas, mediante axudas á incorporación de melloras técnicas (novas tecnoloxías da información sobre todo) e á formación dos recursos humanos. Un sistema de bolsas de prácticas en empresas facilitará a transición entre o ensino e o mercado laboral, e o fomento dun convenio colectivo no sector persegue o emprego de calidade e unha remuneración axeitada.
Tamén ha ser promovida a proxección das creacións galegas no exterior mediante a presenza nas principais feiras e eventos internacionais, ou por medio dor reforzo das axudas á distribución no exterior. Nesta liña, traballarase para estabelecer programacións das artes escénicas galegas nas principais cidades do estado e de Europa.
A partir da segunda quincena deste mes de xuño desenvolverase o proceso de diálogo entre todas as entidades públicas e privadas implicadas, a través dunha comisión de coordinación, catro mesas temáticas e unhas xornadas finais de presentación do Plan. En xullo e setembro avanzarase nas achegas do sector por medio de dúas reunións de cada unha das catro mesas de traballo propostas (mesa sociocomunitaria, mesa de creación, mesa de industrias culturais e mesa de distribución e promoción). Prevese que a redacción definitiva estea lista en outubro, para ser presentado por medio dunhas xornadas en novembro.