O tamén ex presidente de Polonia pretende rematar cos rumores acusatorios que o sinalan como colaborador da policía política durante os anos setenta.
Lech Walesa, histórico líder do sindicato Solidariedade (Solidarność, en polaco), ex presidente de Polonia e premio Nobel da Paz en 1983 fixo publicas este domingo na internet máis de 500 páxinas do dossier que o Servizo de Seguridade (Służba Bezpieczeństwa, SB) elaborara sobre el durante a etapa comunista.
Walesa tomou a decisión logo das acusacións de dous dos seus antigos compañeiros, Anna Walentynowicz (a obreira expulsada do estaleiro Lenin, en agosto de 1980, que provocou a rebelión de Solidariedade) e Andrzej Gwiazda, os cal afirman que este aceptou colaborar coa SB a principios dos anos setenta.
Absolto no 2000
Xa en agosto de 2000, un tribunal especial absolvérao destas acusacións, mais os rumores non pararon aí. Co obxectivo de pórlles fin dunha vez por todas, Walesa decidiu solicitar o seu expediente ao Instituto da Memoria Nacional (Instytut Pamięci Narodowej, IPN), onde se gardan os arquivos das forzas de seguridade polacas para publicalo. "Agardo que tras a súa lectura, Anna Walentynowicz e Andrzej Gwiazda pidan desculpas", afirmou.