Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Defensa da cultura libre

O Cineclube de Compostela terá que pagarlle 250 euros a unha produtora

Organizará unha xornada para sufragar os gastos derivados da denuncia que lle interpuxo Cámara Oscura por ter proxectado Terra negra.

Redacción - 12:33 12/06/2007
Cartel da programación de xuño do Cineclube

Cartel da programación de xuño do Cineclube

O Cineclube de Compostela terá que pagarlle á produtora Cámara Oscura 250 euros, máis xuros e custos, por dereitos de exhibición do filme Terra negra, tal e como decidiu o xuíz Pablo González Carreró Fojón. A pesar de que o club compostelán tiña permiso expreso do director da fita e carece de ánimo de lucro, o xuíz estimou o 30 de maio a denuncia da produtora.

Para afrontar os gastos e procurar novas estratexias que lle permitan seguir coa actividade, o Cineclube vai organizar o 6 de xullo unha xornada de defensa da cultura libre. Aínda que acatan a sentenza, os representantes da entidade non comprenden por que entender a cultura como algo aberto se pode considerar ilegal.

A defensa argumentara o dereito elemental de acceso á cultura e o boicot que a produtora lle fixera ao filme, pero o maxistrado optou por darlle creto a Cámara Oscura, que expuxo que a proxección estivera aberta ao público e que a fita non fora estreada comercialmente. A pesar disto, o produtor de Terra negra, Pablo Llorca, recoñecera no xuízo que non tiña pensado proxectar a película en ningures.

Os membros do Cineclube afirman que, se os acusan deses delitos, entón decláranse culpábeis, e insisten na súa intención de levar á cidade “os títulos roubados á cidadanía polos circuítos comerciais, por abrir a nosa programación ao público máis amplo posíbel e por facer todo isto de balde”. Así, a programación do Cineclube de Compostela seguirá adiante, despois dos numerosos apoios e mostras de solidariedade recibidos.


5/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: