A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación fai públicos os datos coincidindo co Día Mundial Contra o Traballo Infantil.
En todo o mundo, e segundo os datos da FAO, son máis de 300 millóns de rapaces menores de 18 anos os que desenvolven algunha actividade laboral. Un dos que aparecen coa taxa máis alta é Brasil. No contorno do continente americano o 70% dos nenos e nenas que traballan fano en labores agrícolas. O propio Instituto Brasileiro de Xeografía e Estatística, IBGE, sinala que dos 189 millóns de habitantes do país, case dous millóns de menores de entre 5 e 17 anos de idade chegan a traballar até 40 ou máis horas por semana.
A FAO indica que existen tarefas lixeiras relacionadas por exemplo co pastoreo e a alimentación do gando que ao cabo teñen un papel importante no propio proceso de aprendizaxe dos rapaces en relación á propia adquisición de identidade na cultura labrega onde medran. Así e todo, advirten de que a realidade é que na maioría dos casos os cativos están sendo sometidos a longas xornadas laborais relacionadas con explotacións agrícolas intensivas. Desde Save the Children afondan máis e destacan que 126 millóns de cativos traballan en condicións perigosas e 8,5 millóns fano directamente "como escravos".