O acordo marco negociado o venres polo
BNG e o
PSdeG segue a provocar reaccións durante a fin de semana. O Consello Nacional da formación nacionalista ratificou o pacto practicamente por unanimidade o sábado, con 69 votos a favor e catro abstencións, as do Movemento pola Base.
O BNG avaliou positivamente o acordo, do que dixo que se puido pechar finalmente grazas a que o PSdeG «deu marcha atrás», mentres que os nacionalistas defenderon «con firmeza» a súa participación nos gobernos de todas as cidades. Malia isto, criticaron a actitude dos socialistas e alertaron sobre o incumprimento de anteriores pactos.
Os representantes do Movemento pola Base amosaron o seu desacordo con pactar cos socialistas, ao consideralo negativo para os intereses do BNG. A executiva da formación presentou, ademais, un documento en que destacou a suba experimentada nas zonas rurais e semiurbanas e recoñeceu a perda de voto urbano.
Reacción do Partido Popular Pola súa parte, o
PPdeG criticou o acordo que asinarán o luns o PSdeG e o BNG para gobernar máis de 70 concellos. O secretario xeral do partido, Alfonso Rueda, asegurou que o único obxectivo das outras dúas forzas políticas é manter o poder na Xunta, o que podería dar nun deterioro nos servizos públicos de xestión municipal.
Rueda critica nun comunicado que, xa que os socialistas e os nacionalistas non concorreron aos comicios en coalición, «o lóxico e o máis democrático» sería que gobernase a lista máis votada. En 34 dos concellos onde probabelmente goberne a coalición PSdeG-BNG, o Partido Popular foi o que obtivo máis sufraxios.
Tamén se amosou convencido de que «as dificultades de cohabitación non tardarán en aflorar, tal como sucede na Xunta», asegurou o secretario xeral do PPdeG.