Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Puxera o seu cargo a disposición do partido

O PPdeG lugués confíalle a Barreiro o liderado malia a perda da Deputación

A xunta provincial do partido evitou que a saída de Cacharro do primeiro plano vaia acompañada de expediente sancionador.

Redacción - 09:00 06/06/2007

"Eu miro ao futuro, e no futuro o que está no partido é o que quere estar", argumentou Xosé Manuel Barreiro sobre o posíbel castigo a Francisco Cacharro polos seus presuntos manexos de precampaña no contorno dalgunhas candidaturas independentes na provincia e as súas declaracións recentes pedíndolle responsabilidades á dirección do partido polos malos resultados en Lugo.

Xa que logo, o PPdeG amarra forte o liderado de Barreiro no ámbito lugués para evitar que a perda de cota electoral abra máis feridas e curta a posibilidade de que os sectores críticos poidan organizar resposta. Xosé Manuel Barreiro terá a responsabilidade a curto prazo de recompoñer a estratexia do PPdeG lugués e o esmorecente barón popular apurará as súas últimas semanas á fronte da Deputación de Lugo sen que o partido lle turre directamente das orellas.

Por outra parte, Francisco Cacharro podería prolongar algúns meses máis a súa estadía no sillón deputacional se o PSdeG segue adiante co recurso presentado contra o resultado das eleccións no Concello de Palas de Rei. Se a xunta electoral non falla ao seu favor, os socialistas recorrerán á vía contenciosa por mor da anulación de dezasete papeletas nunha das mesas deste municipio. A lea bloquearía a constitución da Deputación que podería non renovar asentos até o próximo mes de novembro.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: