Educación e Política Lingüística xuntas crean dez premios para conceder os mellores proxectos lingüísticos no ensino.
Na liña da promoción do emprego da nosa lingua en distintos espazos e situacións do día a día, nacen estes dez premios para o eido da educación, cada un deles cunha dotación de 2.000 euros.
Anunciados no DOG na terza feira, estes premios tamén van incidir na formación e no asesoramento do profesorado, xa que, a partir da difusión das experiencias propias dos creadores dos proxectos premiados, quérese garantir a plena comptetencia comunicativa en galego, tamén nas aulas, nos despachos e nas salas do profesorado.
Poderán participar nesta convocatoria os centros de titularidade da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria que desenvolvan os proxectos presentados no curso académico 2007-2008. Os traballos deben fomentar, enrte outras cousas, o emprego do galego oral nas aulas; a creación de novos ámbitos de uso que favorezan a utilización da lingua dentro e fóra das aulas; o achegamento á lingua e o coñecemento da realidade sociocultural galega por parte da poboación inmigrante que está a asentarse en Galiza; a colaboración con entidades culturais, asociativas, recreativas e deportivas e empresas locais, para favorecer o emprego da lingua galega e mellorar a súa valoración social; e a relación do galego coas tecnoloxías da información e a comunicación.
As experiencias dos premiados difundiranse a través da rede e atamén se han publicar os materiais educativos producidos, para que non fiquen esquecidos.