A voceira do goberno vasco, Miren Azkarate, fixo pública pasadas as 12.00 horas desta terza a posición do executivo respecto ao comunicado da ETA, que cualificou de "brincadeira macabra".
A declaración lida por Azkarate cualifica o comunicado da ETA de "brincadeira macabra"; "non pode ser doutro xeito, logo de que en decembro pasado, hai pouco máis de cinco meses, colocase un artefacto explosivo na terminal T4 de Madrid, causándolle a morte a Carlos Alonso Palate e Diego Armando Estacio".
"En nome de quen actúa a ETA? En nome do pobo vasco, non", sinalou Azkarate. "O pobo vasco ten unhas raíces, unha cultura e unha historia; sufriu guerras e ditaduras como a de Franco", engadiu.
Dereito a decidir dos vascos
"En nome do dereito a decidir dos vascos, tampouco", continuou a voceira gobernamental. "Nós defendemos este dereito, mais democraticamente nas institucións e na sociedade", dixo.
Ademais, o executivo vasco considera este comunicado unha resposta á esquerda abertzale, que lle pediu á ETA "unha tregua indefinida e sen condicións" tras o atentado de Barajas. "Non lle importa nin o que pensa a sociedade vasca nin a esquerda abertzale que fica desairada politicamente", indicou Azkarate.
Finalmente, neste senso, sinalou que "A ETA está máis soa que nunca", e que "o único camiño que lles queda é o abandono total das armas".