Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Euskadi

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Euskadi
Reaccións á fin da tregua da ETA

José Luís Rodríguez Zapatero: "A ETA volve equivocarse"

"A ETA tomou a mesma decisión doutras veces", laiouse o presidente do goberno español nunha declaración institucional na mañá deste martes.

Redacción - 11:00 05/06/2007
Tags: ETA tregua

Zapatero explicou que a posición do executivo "será a mesma doutras veces", indicando que se baseará "na defensa común dos valores e institucións democrátivas e a aplicación do Estado do dereito".

"A decisión da ETA vai radicalmente en dirección contraria ao que desexa a sociedade vasca e a sociedade española, o camiño da paz, un camiño que só pode andarse coa renuncia á violencia", dixo Rodríguez Zapatero.

O presidente do goberno español asegurou que fixo todos os esforzos posíbeis por crear unha situación "onde puidesen defenderse democraticamente todas as opcións". Así, engadiu que a súa maior esperanza pasa pola convicción do desexo da sociedade de "vivir en liberdade".

"O futuro vasco depende e dependerá dos mesmos cidadáns", explicou, "no marco da lei" e nun contexto que necesariamente deberá caracterizarse pola "ausencia da violencia terrorista".

Respaldo dos grupos políticos
Rodríguez Zapatero manifestou a súa "esperanza de que tras este comunicado da ETA, o respaldo dos grupos políticos sexa unánime".

"Teño o convencemento de que a forza da democracia e da palabra rematará finalmente co delirio totalitario", sinalou, e advertiu que "manter a violencia só provocará máis dor".

Finalmente, amosou a súa esperanza: "Estou convencido de que máis cedo que tarde a sociedade conseguirá a paz".

A intervención íntegra do presidente español

"Hoxe a ETA tomou a mesma decisión que outras veces no pasado e, agora coma daquela, a ETA vólvese equivocar. A resposta a esta nova equivocación será a que sempre deron os gobernos de España, as forzas democráticas e a saciedade no seu conxunto. Unha resposta ancorada na defensa común dos valores e institucións democráticas, na estrita aplicación do estado de dereito, na eficacia das forzas e corpos de seguridade do estado e na cooperación internacional.

Somos un país forte, a sociedade española amosou a través dun período xa moi longo que a súa dor non debilita a súa fortaleza, que o sufrimento non mingua a súa determinación. Amosarao agora de novo, sen ceder a ningunha das ameazas ou dos desafíos aos que a queren someter. A decisión da ETA vai radicalmente na dirección contraria ao camiño que desexan a sociedade vasca e a española, o camiño da paz. Un camiño que só ten un final, o do abandono definitivo das armas, un camiño que só se pode iniciar e percorrer coa renuncia completa á violencia.

Quero dirixirme singularmente aos cidadáns vascos. Realicei todos os esforzos posíbeis para acadar a paz e abrir un marco de convivencia para todos no que se puidesen defender democraticamente todas as opcións e superar todo enfrontamento. Sei que a maioría dos cidadáns vascos coñecen a autenticidade do esforzo que o Goberno realizou e quero reafirmar que a miña maior esperanza radica na fonda vontade da maioría da sociedade vasca e da sociedade española de vivir en paz e en liberdade.

O futuro dos vascos depende e dependerá deles mesmos no marco da lei e da democracia, nunca dependerá da violencia terrorista. Hoxe quero asegurar que o goberno coa forza da lei e do estado de dereito pon e porá todos os medios para a defensa da convivencia, da liberdade e da seguridade de todos os cidadáns.

Agradézolles aos grupos políticos que lle deron un apoio incondicional ao Goberno o seu compromiso neste período. É agradecemento o que teño especialmente con todos os cidadáns que me fixeron chegar o seu apoio e a súa confianza. Teño a esperanza de que ante o anuncio da ETA ese apoio dos grupos políticos sexa unánime. Esforzareime para logralo porque iso é o que quere a maioría dos españois e iso é o que necesita a maioría do noso pobo.

A forza da democracia e da palabra sempre derrotará o delirio totalitario. Estou seguro de que algún día esta consideración se imporá, mesmo, aos que hoxe nos volven ameazar a todos.

Manter a violencia só provocará dor, unha dolor que durará o que a lei, a democracia e a liberdade tarden en acabar coa violencia, pero estou convencido de que, máis axiña ca tarde, a sociedade española conquistará definitivamente a paz. Empeñareime en que se acade canto antes."


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: