Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Coa novela 'A lúa dos everglades'

Xesús Manuel Marcos gaña o Terra de Melide de Creación Literaria

Esta fin de semana tamén foron escollidos os finalistas dos premios Xerais de novela, Caixa Galicia de literatura xuvenil, e Merlín de literatura infantil.

Redacción - 13:47 04/06/2007
Xesús Manuel Marcos

Xesús Manuel Marcos

A lúa dos everglades mestura con moito acerto tres historias cun vencello común: varias persoas espalladas polo barrio bonaerense de Belgrano, Miami e Madrid únense entre si por unha serie de lazos familiares, afectivos, rancores e amores, que se van desvelando a medida que avanza a novela, e unha serie de circunstancias que levarán as súas vidas por diferentes camiños. Con esta novela cargada de suspense, Xesús Manuel Marcos (Seoane do Caurel, 1967) gañou o Premio de narrativa Terra de Melide 2007.

O autor traballa como funcionario da Administración de Xustiza en Madrid, pero ten xa unha longa traxectoria como narrador tras de si: no 94 gañou o Premio Modesto Rodríguez Figueiredo do Pedrón de Ouro, co relato "Aliados solitarios", o Manuel Murguía do Concello de Arteixo por "A cela de arame" e "Fuxidos" e o Premio de Novela Curta do Concello de Marín dous anos despois. Publicou a novela En terra perigosa nese ano, o libro de relatos Terra queimada no 97, co que gañara o Premio de Narración Curta Ricardo Carvalho Calero, convocado polo Concello de Ferrol, no 95, e a novela O brindo de ouro. Co'A chamada do brindo gañou o Merlín no 2004, e tamén publicou o libro de relatos Fonte de Esperante no 2005. Ten colaborado cos xornais "O Correo Galego", "La Voz de Galicia" e "El Progreso". A lúa dos everglades será publicada por Xerais no mes de outubro, xunto coa novela gañadora do premio Xerais.

Tres finalistas para tres premios

Ademais, este venres 1 de xuño tiveron lugar as xuntanzas dos xurados do XXIV Premio Xerais de Novela, o II Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil e o XXII Merlín de Literatura Infantil, para decidiren os finalistas destes certames. A gala de entrega, logo da deliberación definitiva, terá lugar este sábado 9 na illa de San Simón. Estarán Teresa Moure como mantedora literaria e actuará Xavier Blanco, o "gaiteiro de Moaña".

O xurado do Xerais, dotado con 15.000 euros, estaba integrado polo empresario e arqueólogo Xosé Lois Vilar, as xornalistas Lara Rozados (de Vieiros), e Belén López (do Diario de Pontevedra), Xurxo Patiño (libreiro da libraría Librouro, en Vigo), e o músico Abe Rábade, ademais de Francisco Alonso Villaverde (editor), en representación de Xerais, con voz e sen voto. Das 24 obras presentadas, escolléronse tres, presentadas baixo os seguintes lemas: "Fanto Fantini", co título Cardume, "A perspectiva desde a porta" e "A. Dositeo Carnero", co título Un sábado longo.

En canto ao Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 7.500 euros, o xurado estaba integrado por Verónica Rego (responsábel de publicacións da Fundación Caixagalicia), o crítico de cinema Óscar Sánchez López (crítico de cine), e os estudantes Erea Fabeiro Rey (1º de bacharelato do IES Auga da Laxe de Gondomar), Elena Caride Miana (2º de Bacharelato, no IES Sánchez Cantón de Pontevedra), e José Carrero González (4º da ESO do IES Os Rosais de Vigo), ademais do editor Xosé Manuel Moó Pedrosa, con voz e sen voto. De vintecinco obras, unha destas tres opta ao premio: os lemas eran "Da Illa", "Capitán Alberto" (co título Illa soidade e "Jonathan é un delfín").

Por último, o xurado do Merlín, dotado tamén con 7.500 €, estivo integrado polas profesoras Ana Amado Reino, que imparte lingua galega no colexio Galaxia de Ribeira, e Mercedes Núñez Fernández (do Colexio Andersen de Vigo), Patricia Buján Otero (tradutora e profesora da Universidade de Vigo), Paula Fernández González (crítica de literatura infantil no "Faro da Cultura"), o ilustrador Andrés Meixide Gayoso, e a editora Helena Pérez Fernández, con voz e sen voto. Este ano foron vinte e oito as obras presentadas, e as finalistas son as que levan o lema "A mala semente", co título Carabranca, "Carbueiro", co título Minimaladas e "Nácara Nácara".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: