Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
Eleccións na capital arxentina

Un empresario e o ministro de Educación loitarán pola alcaldía de Bos Aires

O presidente do club de fútbol Boca Junior e empresario, Mauricio Macri, non acadou onte os votos necesarios para ser o novo alcalde da cidade, de xeito que terá que competir co actual ministro de Educación da Arxentina nunha segunda volta o día 24 de xuño.

Débora Campos - 12:11 04/06/2007

Aínda que tivo preto do 45 por cento dos votos, o empresario e titular do partido de dereita Propuesta Republicana (PRO), Mauricio Macri, non acadou onte a maioría necesaria para converterse no novo alcalde da cidade de Bos Aires, polo que terá que enfrontarse co actual ministro de Educación do país, Daniel Filmus, que conta co apoio do goberno nacional. A segunda volta nesta elección será o vindeiro día 24 de xuño.

O líder do PRO e presidente do club de fútbol Boca Junior obtivo máis do 45 por cento dos votos nas eleccións para escoller alcalde e lexisladores (deputados da cidade), pero terá que enfrontarse co segundo na votación en 15 días.

Primeiras reaccións


"Tócanos gobernar dende o primeiro día preto dos veciños porque a política é a única ferramenta coa que se pode mellorar a vida de todos", adiantouse Macri, que é empresario e fillo do poderoso e polémico Franco Macri, titular dun imperio edificado grazas aos millonarios contratos co Estado que foi acadando sobre todo nos anos da última ditadura militar e co goberno do ex presidente Carlos Menem.

"Hoxe gañou o cambio -dixo Macri-. Agradezo tamén a aqueles que non nos votaron porque votando fixeron máis forte a nosa democracia", asegurou o empresario logo de que foran coñecidos os primeiros datos oficiais.

Pola súa banda, o ministro Filmus e candidato do presidente Néstor Kirchner asegurou que nas vindeiras tres semanas (até o 24 de xuño) "imos dar o debate para saber quen foi o que espallou a fame entre pobo, os que marxinaron, os que discriminaron", en relación ás relacións de Macri co ex presidente Menem.

Filmus engadiu: "Somos humildes, sabemos que aínda temos que traballar moito para ser mais plurais" e lembrou que ao seu carón estiveron e aínda están o mellor do socialismo, do radicalismo e dos sectores independentes".

Á espera dos resultados

Nas próximas tres semanas, tanto a dereita de Macri coma os peronistas e a esquerda que vai con Filmus loitarán por seducir aos votantes porteños. A elección na capital do país e unha loita na que o goberno nacional non quere perder terreo, xa que é a cidade máis importante do país e tamén a máis rica economicamente.

Ademais de ser a capital da Arxentina, a cidade de Bos Aires é -xunto ao primeiro cordón de cidades do Gran Bos Aires coas que mantén unha achega forte- a segunda urbe máis grande de Sudamérica e unha das maiores megalópoles do mundo. Ademais, Bos Aires é un dos principais centros culturais da América Latina e nela viven algo menos de 3 millóns de persoas. As eleccións de onte buscaban escoller ao vindeiro alcalde e á metade dos lexisladores da cidade e nelas podían votar 2.563.456 cidadáns.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: