Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Insiste en que goberne a lista máis votada

Feijoo non ten présa por facilitar a volta ao diálogo estatutario

O líder do PPdeG descartou novos contactos ao respecto en breve prazo. Mentres, Feijoo faille as beiras ao BNG ao respecto de posíbeis pactos municipais.

Redacción - 09:15 04/06/2007

As tres formacións políticas con representación parlamentaria citáranse para a volta das municipais co obxectivo de recuperar a negociación sobre a reforma estatutaria. Con todo, a tensa situación logo destes comicios non agoira próximos avances ao respecto.

Este domingo e nos micrófonos da Radio Galega, Alberte Núñez Feijoo descartou contactos inmediatos para botar adiante a paralizada reforma. Así e todo, asegurou apostar por retomar as negociacións, malia trasladarlle a necesidade da iniciativa ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Sobre o mesmo tema, indicou que o seu partido apoiará unha reforma "sempre que sexa constitucional", pero non "unha reforma que formule 14 supostos inconstitucionais".

Pola súa banda, o voceiro nacional do BNG afirmou esta fin de semana ao respecto do mesmo tema que non ve probábel a curto prazo que se poida retomar a negociación estatutaria. "Por nós empezariamos mañá mesmo, pero o PP aínda non aprendeu a lección e continuará coa súa actitude de bloqueo aos estatutos de nación", laiouse Quintana.

Pactos posíbeis e imposíbeis
Afirmou o presidente do PPdeG que mantén unha "disposición permanente ao diálogo co BNG". O convite de Núñez Feijoo vai encamiñado unicamente a aqueles municipios onde poida facilitarse o goberno daquel partido que acadase a maioría nas urnas e sempre que a negociación "se faga nos concellos". Así o afirmou nos micrófonos da Radio Galega onde convidou por exemplo aos nacionalistas a negociar para que Corina Porro e Enrique Nóvoa gobernen froito da súa "maioría clara" nas urnas.

Feijoo cualificou ao líder do BNG, Anxo Quintana, como "unha persoa coa que se pode falar", engadindo que "non sei se isto será posíbel con outras persoas do partido nacionalista". O presidente do PPdeG insistiu en que o seu partido "gañou claramente as eleccións" e asegurou que os pactos que apartarán a súa formación do goberno en moitos concellos xorden dunha "cuestión de praxe política que pasa cada vez con máis frecuencia en Galiza". Ao fío, opinou que esta situación "en Europa dáse só en casos excepcionais e resulta perigoso que os galegos comecen a ver a excepción como regra".

Por outra parte, o voceiro nacional do BNG reflexionou que "dialogar nunca está de máis", pero dixo dubidar da vontade de diálogo de Feijoo. Así, retrucoulle ao líder dos populares que mentres o secretario xeral do PSdeG se puxo en contacto con el ao día seguinte dos comicios para estudar posíbeis acordos, o PPdeG aínda non deu sinais de querer estabelecer ningún tipo de contacto. "Moita xente dentro do PPdeG estálle dicindo que non vale con sacar moitos votos se logo non goberna", advertiulle Quintana a Feijoo. Ao fío, atribuíulle á dirección do PP en Madrid a "prohibición" a Feijoo de estabelecer conversas. "O PP ten un problema: non é capaz de entenderse con ninguén, e por iso aspira a que os demais non se entendan", reprochoulle Quintana.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: