Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Xornada pola oficialidade das selección galegas

"Persoeiros" contra siareiros, dez anos após aquel histórico partido

Falamos cos protagonistas que volverán saltar ao campo santiagués de Santa Isabel este sábado. A festa e a reivindicación está asegurada.

Antía Rodríguez - 10:20 01/06/2007

Era un tento de volver recuperar a Selección Galega que se materializou nun xogo que ía alén dunha pachanga entre colegas. Xa se levaba un ano traballando, dende a creación da revista Bravú que coordinaba Xurxo Souto, na recuperación da Selección Galega.No sábado, xusto dez anos depois, non os mesmos, pero unha recua deles... intelectuais, xornalistas, actores, actrices, músicos... hanse unir máis unha vez contra os siareiros, e pode que desta gañen, aínda que para moitos pasaron xa eses dez anos.

O 19 de novembro de 1922 a Selección Galega de Fútbol gañáballe 4-1 a Castela, nun partido histórico no campo vigués de Coia. Era o primeiro partido dunha xa denominada Selección Galega, que oitenta e cinco anos despois aínda non acadou a oficialidade. pero non só a de fútbol; tampouco a de baloncesto, a de piragüismo, a de atletismo, a de taekwondo... por exemplo.

Para o sábado o colectivo Siareir@s Galeg@s ten preparado ese outro partido, nunha xornada reivindicativa e de festa que deron en chamar "10 anos loitando polas nosas seleccións" coa que queren acadar o recoñecemento oficial das equipas nacionais galegas para que poidan competir a nivel oficial e tamén internacional. O partido é ás 16:30 horas, no campo municipal compostelán de Santa Isabel.

Falamos coa equipa dos "persoeiros"

Vieiros falou con varios dos xogadores da equipa dos "persoeiros", moitos deles non tocaron un balón na vida e outros prefiren xogar entre os siareiros, porque non queren perder... Algúns deles mesmo foron partícipes daquel partido de hai dez anos e uns poucos fóronnos contanto o que van dar de si na xornada de xogo e qué é o que os une ás reivindicacións pola oficialidade das seleccións galegas.

Alfonso Eiré, director d'A Nosa Terra
"A relación miña cos moitos intentos de recuperación da Selección Galega de fútbol comezou aló polo 79; n'A Nosa Terra tamén traballamos niso... e moitos anos despois conseguímolo. Eu fun un daqueles que xogou o partido de hai dez anos, n'A Estrada, e perdemos. Aínda que eu xoguei bastante ao fútbol de porteiro en Chantada, e até cheguei a xogar a nivel profesional en Madrid. Daquela equipa de 1997 quedamos poucos... Reixa non pode vir, Manolo Rivas anda por Madrid... Paco Lodeiro si que vai estar, e tamén Moncho Viña. Sonche dez anos máis, pero agardamos facer un bo papel".

Xosé Barato, actor
"Eu son dos Siareir@s, até teño carné... e vou facer por que me metan a xogar con eles, que lle dan bastante ben, e a equipa de persoeiros seguro que perde. Non é que sexa siareiro a tope, pero fun con eles ao partido Galiza-Ecuador e paseino moi ben. no partido do sábado vouno dar todo. A ver se me poñen de defensa e podo facer o papel do carrileiro galego de toda a vida: correr coma un tolo para arriba e para abaixo e logo dar leña e sachar sen control aos rivais".

Pepa Yáñez, actriz, cabareteira e unha das poucas mulleres que vai xogar
"Non fun a ningún partido da Selección, pero levei sempre a camisola esa que di "Denantes mortos que goleados", porque estou dacordo coas reivindicacións dos siareiros e sempre me gustou meterme nestas loitas. Aínda non seide qué vo xogar; pode que de defensa, disto de correr que se me dá ben. Eu antes xogaba ao baloncesto, ao vólei ao brilé... nunca ao fútbol. pero como o de correr a min gústame, malo será que non faga algo no partido".

David Salgado, actor, cabareteiro e cantante e intérprete folque. Parella artística de Pepa Yáñez. Non pensa xogar "nin tolo" aínda que estaba convidado. Caeu da convocatoria.
"Aínda que non penso ir xogar, ao mellor me achego até alí. É que a verdade, non sei xogar ao fútbol. A min gústame máis remar, ou andar ou correr... nada diso dos deportes de gañar. Non son nada siareiro, pero paréceme un movemento divertido e necesario. Imaxínate se vou xogar e me ven un potencial que tiña gardado non sei onde e que fago? eu non quero deixar a miña carreira. Así que estou mellor mirando o partido.

Outro que caeu da convocatoria é Víctor Mosqueira, actor, ao que van botar de menos os "persoeiros" porque seica lle dá ben
"Non podo ir xogar, porque me xurdiu un compromiso, pero dáme pena non estar. Non che son moi siareiro, pero seguín o primeiro partido da Selección, contra o Uruguai na Coruña, nun bar. Reunímonos aló unha xente; Manuel Rivas, xente da asociación Alexandre Bóveda... porque nos parecía un momento histórico que non había que perder. E iso que non me gusta ver o fútbol pola tele, xogar si, gústame moito. Xoguei moitos anos de 10, de interior esquerdo. Xogaba na Liga da Costa, no Orzán e até cheguei a ser capitán da equipa. Tamén xoguei a fútbol sala, a fútbol de empresa, a fútbol de peña e dáballe aceptablemente. Eu ser son do Corme, da equipa da casa, pero aos que si podo ver pola tele son os da Selección Brasileira, pero supoño que é unha cousa que ten que ver máis co circo que eles montan, coa actuación".

Nacho, ex xogador do Compostela. Non vai xogar, pero coma sempre vai estar apoiando aos siareiros e á Selección
"Non podo xogar por mor dos tendóns de aquiles, que non me responden, pero se podo vou estar alí, e aínda que non chegue a tempo -ten que estar en Vigo á hora do comezo do partido- vou ir pola noite ao concerto. Avogo pola oficialidade das seleccións galegas e creo que se debera nomear un seleccionador nacional dende a Secretaría Xeral de Deportes; unha persoa que vexa aos xogadores, que se mova e que faga un bo equipo, cheo de xente nova, de promesas galegas, que as hai." Ao se enterar de que é unha das figuras que os siareiros galegos idolatran -até se fixeron chapas coa súa cara- ri. "Os Siareiros levan dende o comezo loitando polas seleccións e son dos poucos que aínda están aí".

Entre os "persoeiros" tamén vai estar Xurxo Souto, outro histórico na loita polas seleccións, que pode que ademais lea o manifesto ao comezo do partido. Tamén Rómulo Sanjurjo, Rubén Valverde, Moncho Viñas, Carlos Barros, os Tonechos, Marcos Payno, Paco Lodeiro, Goldi e Xulio Abonjo, Tamar Novas; os xogadores Fabiano, Toni e Otero, Fernando Vázquez; as actrices Iria Piñeiro, Isabel Blanco e Mónica Caamaño, o polifacético Toñito de Poi e, dende a Xunta van procurar estar alí a secretaria xeral para a Igualdade, Carme Adán e a directora xeral para o Deporte, Marta Souto, ademais de Javier Rico, o xerente da Fundación Deporte Galego.

Os siareiros van vir de toda Galiza... mulleres non hai ningunha, pero pode que logo se xunten todos á noite, por volta das 20:30 horas na Sala Capitol, onde se fará a festa, con tres grupos galegos: Skacha, Skárnio e Non Residentz. Un concerto no que tamén se presenta un DVD que recolle imaxes dos dous partidos disputados até agora pola Selección Galega de fútbol e dos actos organizados polo colectivo de seguidores.

Haberá que agardar até o sábado para saber cal das dúas equipas se ha proclamar vencedora. Se nestes dez anos os "persoeiros" non adestraron nada, pode que os siareiros lles dean unha malleira, desas de correr moito primeiro e suar... e logo festa.


4,4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Afonso Eiré xa estivo no partido de hai dez anos (Foto: CIG)
Afonso Eiré xa estivo no partido de hai dez anos (Foto: CIG)
Barato vai "sachar" no partido, como fan os defensas "de toda a vida"
Barato vai "sachar" no partido, como fan os defensas "de toda a vida"
Davide apoia a causa, pero non ten pensado xogar "nin tolo" (Foto: www.xosemanuelbudino.com)
Davide apoia a causa, pero non ten pensado xogar "nin tolo" (Foto: www.xosemanuelbudino.com)
Nacho, ex xogador do Compos, leva anos apoiando as Seleccións
Nacho, ex xogador do Compos, leva anos apoiando as Seleccións
Pepa Yáñez levaba camisolas de "denantes mortos que goleados" (Foto: http://www.fotolog.com/pepichula)
Pepa Yáñez levaba camisolas de "denantes mortos que goleados" (Foto: http://www.fotolog.com/pepichula)
Víctor Mosqueira sempre lle deu ben ao fútbol. Era até capitán da súa equipa (Foto: www.culturagalega.org/avg)
Víctor Mosqueira sempre lle deu ben ao fútbol. Era até capitán da súa equipa (Foto: www.culturagalega.org/avg)