Poderemos conservalo purificado e liofilizado, nun tubo de cristal duns dez centímetros, sen necesidade de facer fronte aos custos da almacenaxe nun banco privado
O novo servizo nace grazas ao acordo de colaboración entre o laboratorio valenciano Sistemas Genómicos e a Clínica Quirón desta cidade, que será pioneira na posta en marcha deste sistema, que terá un custo de 200 euros.
Tanto os responsables da clínica como do laboratorio destacaron que o ADN contén "gran cantidade de valiosa información médica" e que é importante ter cada día "maiores datos do noso sistema hereditario".
En canto ás súas supostas vantaxes, os investigadores referíronse concretamente á utilidade do ADN nos estudos das enfermidades hereditarias; en probas de paternidade; en identificación de profesionais de alto risco, así como en vítimas de grandes catástrofes; en identificación de persoas extraviadas e, mesmo, en reclamacións ilexítimas do patrimonio.
As persoas que queiran obter o seu ADN para gardalo logo na súa casa, deberán someterse a unha extracción de sangue. Esa proba realizarase no hospital e entón, xa nos laboratorios, a mostra será sometida "de maneira bastante exhaustiva a liberala de calquera contaminación e desecala".
O tubo estaría selado e identificado cunhas claves para evitar a súa posible utilización fraudulenta.