A consellaría decidiu o cese de Gabino Vázquez e abre un prazo dun mes para que se escolla un novo presidente en funcións.
O Diario Oficial de Galicia, DOG, publica este mércores o cese de Gabino Vázquez Fernández, até ese mesmo momento presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica. Dende Medio Rural explican que a decisión tomouse debido ao incumprimento de funcións e á falta de colaboración deste cargo. O malestar da consellaría con Gabino Vázquez xa vén de vello. De feito, o pasado 20 de marzo decidiuse abrirlle un expediente administrativo que culmina agora co seu cese.
Medio Rural lembra que mesmo o Parlamento ten esixido unanimamente unha maior transparencia e democracio no seo do consello regulador. Mais o que xa acabou coa paciencia da consellaría foi o feito de que se negara a entregar documentación para realizar o reparto de vogais que exerceran como representantes de produtores e distribuidores.
Logo da drástica medida, o consello regulador disporá dun mes de prazo para elixir un novo presidente en funcións até que se convoquen eleccións. Medio Rural considera estratéxico o sector e lembra que se queren facer cuantiosos investimentos para facer rendíbel estes cultivos.