O historiador Hernán Díaz percorrerá nunha conferencia as moitas miradas posibles que atravesan a Guerra Civil Española e que, dalgún xeito, explican a pervivencia dos seus efectos até a actualidade.
Un novo evento organizado polos Lectores Galegos no Café Tortoni, que nos conta Débora Campos.
A loita política levada ao extremo máis radical. Guerra entre irmáns. Dúas ideoloxías enfrontadas. Choque de modelos económicos. Porta de acceso á Segunda Guerra Mundial. Bisagra na historia europea do século XX. Pasaron 70 anos e a Guerra Civil Española non so aínda imprime a súa pegada na narrativa máis recente -como vemos dende o mes de marzo- senón que aínda latexa na vida do Estado Español en xeral e de Galicia, en particular. O historiador Hernán Díaz ofrecerá unha conferencia aberta ao público e gratuíta para percorrer, coma nun prisma, as moitas cores, as moitas lecturas posibles que xorden deste conflito determinante.
A charla será o vindeiro sábado día 2 de xuño na sala Alfonsina Storni do Café Tortoni, na Avenida de Mayo 825, e despois da disertación, os asistentes poderán facer todas as preguntas sobre o tema que sempre quixeron facer e expor as súas dúbidas e inquedanza.
Hernán Díaz é historiador e durante anos foi profesor na Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Bos Aires (UBA). Leva publicados traballos sobre o movemento obreiro arxentino, sobre a orixe do socialismo europeo e sobre a emigración galega. O seu libro máis recente é Historia da Federación de Sociedades Galegas, Identidades políticas e prácticas militantes. Na actualidade, é o responsable da área de investigación do Museo da Emigración Galega na Arxentina (MEGA) e, nese ámbito, participa no nacemento da primeira biblioteca pública galega que vai funcionar fóra de Galicia e que por estes días comeza a recibir socios na rúa Chacabuco 955, na cidade de Bos Aires.