Este ano actuarán The Act-Ups, Riff Raff, Samesugas, Última Sacudida e Royalties.
Cartel do festival
O sábado celébrase no campo da festa do Castiñeiriño (Compostela) o Festival Rock en Costa 2007. Os locais Samesugas e Royalties estarán acompañados dos ferroláns Riff Raff, os lalinenses Última Sacudida e os portugueses The Act-Ups.
O festival que organiza a Asociación Xurásica chega precedido do éxito da súa festa de presentación, o pasado 16 de maio na Sala Nasa. A sexta edición do Rock en Costa celebra con entrada de balde a aposta polos barrios como motores culturais das cidades e polo achegamento coa música de Portugal.
A representación do país veciño chegará da man de The Act-Ups, de Barreiro. Con dous discos do mercado a súa música defínese como “James Brown em conflito sangrento com os Mc5, um cadillac com o depósito cheio de soul, abastecido por Iggy Pop, numa estação de serviço perto de Detroit”.
Riff Raff chegan dende Ferrol. Considerados os AC/DC galegos, ofrecen un espectacular directo. O Castiñeiriño estará representado este ano polos Samesugas, que acaban de publicar o seu primeiro disco de longa duración, Alá vai, e Royalties, herdeiros da mítica banda compostelá Redullos e que se atopan a medio camiño entre o rock de Detroit e o escandinavo.
Completan o cartel Última Sacudida, de Donramiro (Lalín), que mesturan o máis reivindicativo do punk de finais dos setenta e a tradición dos grupos galegos máis contundentes. Acaban, tamén, de gravar o seu primeiro disco. O festival arrinca o sábado 2 ás nove da noite no campo da festa do Castiñeiriño.