O BNG conseguiu 9 concelleiros, o PP 5, Terra Galega 4 e PSdeG 3. A esquerda suma a absoluta e líbrase do incómodo Andrade (TeGa), anterior socio de goberno.
O BNG demostrou en Carballo que o nacionalismo ascende nas vilas mentres se estanca nas cidades. A capital de Bergantiños terá de novo rexedor nacionalista. A organización subiu tres concelleiros e poderá gobernar máis comodamente cos socialistas. No anterior mandato, o alcalde presidiu un tripartito moi conflitivo debido á presenza no mesmo do CDI (hoxe integrado en Terra Galega).
O PP entra nunha crise máis que considerábel ao ficar reducido a cinco concelleiros. Terra Galega limítase a manter resultados pero quedando fóra do goberno. A lealdade ao goberno do PSdeG viuse recompensada con un novo concelleiro.