Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Municipais07

A protodemocracia en Dozón e Toques

A oposición acusa os dous alcaldes populares de utilizar "tácticas caciquís" para conseguiren recuncar nos seus respectivos postos.

Redacción - 12:45 25/05/2007
O alcalde de Toques, Xesús Ares

O alcalde de Toques, Xesús Ares

A campaña electoral dos actuais alcaldes nalgúns concellos do país non se pode considerar como plenamente democrática, tendo en conta as denuncias de veciños e de partidos da oposición. É o caso dos municipios de Toques (Terra de Melide) e Dozón (Deza).

O primeiro, gobernado por Xesús Ares, alcalde condenado por abusar dunha menor do lugar e posteriormente expulsado do PPdeG, está acusado de presionar os veciños para conseguir o seu voto. O segundo, Dozón, ten á fronte ao popular Adolfo Campos, rexedor con dúas décadas ás costas de denuncias relacionadas con irregularidades no empadroamento.

Medo a votar
Segundo recolle o diario El País na súa edición para Galiza, a oposición de Toques denunciou presións os veciños de cara á votación do domingo. O candidato á alcaldía polo PSdeG, Miguel Buján, sinala que "aquí, moita xente aínda non cre que o voto sexa secreto".

"Hai veciños que me contan que teñen medo de ir votar", di, e engade que "aínda que pareza mentira, en Toques existe un lobby de vinte persoas que son as que gañan as eleccións. Son elas, e non o alcalde, as interesadas en manter a situación".

Logo de 24 anos no cargo, Ares preséntase cos seus vellos concelleiros do Partido Popular, baixo as siglas dunha nova formación, XCPT (Xuntos Cara ó Progreso de Toques). Xurxo Calvo, médico da vila, é o novo candidato do PPdeG, e a lista do BNG está liderada por Xosé Manuel Ferro, antigo representante da Agrupación de Independentes por Toques.

Buján coméntalle á reporteira de El País que "a xente sabe que este é o municipio con menor renda per cápita de Galiza e que isto vai a peor". Con todo, "séntese tan presionada que, á última hora, cambia de opinión e vota ao de sempre. Hoxe, mañá e pasado serán días cruciais, porque somos poucos, e os homes de Ares buscarán o xeito de chegar a todos".

Un de cada tres, empadroados irregularmente
No concello dezao de Dozón, gobernado polo popular Adolfo Campos, seguen sen ser designados os 54 compoñentes das 6 mesas electorais do municipio, a poucas horas de que teñan lugar os comicios.

Este venres organízase o quinto sorteo tras catro intentos errados entre un censo de 1.502 persoas. Segundo socialistas e nacionalistas, "está enormemente inflado", até o punto de que o candidato do PSdeG, Xosé Antonio Crespo, asegura que existen ao redor de 500 empadroamentos irreais, máis do 30% do censo, unha de cada tres persoas.

Benxamín García, candidato do BNG, asegura que ao redor de 70 persoas son familiares e empregados da fábrica de pensos do alcalde. Ademais, o pasado domingo presentaron unha denuncia ante a Xunta Electoral, onde advertían destas irregularidades e da intención de Campos de celebrar este venres, último día de campaña, a Festa da Terceira Idade, "cando até o de agora se facía no verán", e ameazaron con ir á Fiscalía provincial.

O BNG aportou datos sobre as distintas mesas electorais: na de Santo Domingo, o segundo suplente do presidente é descoñecido; na de Sisto ocorre o mesmo co primeiro suplente do primeiro vocal; na Gouxa, o segundo suplente do presidente deuse de baixa no concello hai vinte anos.

En Saa, o presidente e o primeiro vocal son familiares e empregados do alcalde que non teñen a súa residencia en Dozón; e no Castro, algúns dos seus membros non existen, e outros son familiares ou empregados do alcalde que non viven no concello.


4,75/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: