Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
GAÑADORES DO CONCURSO DE EMPRENDEDORES DA USC

Unha firma galega é quen de medir o risco de sufrir infarto a partir dos teus xenes

Health In Code é a primeira no mundo en facer informes sobre a influencia xenética nas doenzas cardíacas.

Manuel Vilas - 13:01 25/05/2007
Recollendo o premio das mans do reitor da USC / Foto: Uninova

Recollendo o premio das mans do reitor da USC / Foto: Uninova

Se meus pais e avós morreron de infarto, vaime pasar a min o mesmo? En Health in Code (HIC), gañadores do último premio de emprendedores da Universidade de Santiago, non son capaces de contestar esta pregunta; pero si de medir a predisposición a sufrir esta e outras doenzas cardiovasculares.

Nunha entrevista con Emprendia, o director técnico, Lorenzo Monserrat, e o director científico, Manuel Hermida, analizan os obstáculos cos que se enfrontan os emprendedores universitarios galegos. Laméntanse dos riscos que asumen os que saltan ao mundo da empresa, pero sinalan que é o único xeito de facer “investigación de alto nivel”. E é que, na súa opinión, “a ciencia é unha actividade esencialmente capitalista”.

Cal é o modelo de negocio de Health in Code?
Oriéntase principalmente ao diagnóstico de enfermidades cardiovasculares. O valor engadido non é o diagnóstico dunha variación xenética en se, senón a súa análise. Isto permítenos crear un informe completo e actualizado de como pode afectar esa variación xenética á saúde do paciente. Os potenciais clientes son médicos que traballan en cardioloxía, seguros médicos e clientes particulares.

Pero que aplicación concreta poden ter eses informes?

Permiten, por exemplo, identificar, a partir dunha análise de sangue, se o paciente posúe factores xenéticos relacionados co desenvolvemento dunha enfermidade. Isto permite ao seu médico afinar o diagnóstico da doenza e, o que é máis importante, individualizar o tratamento en función dos resultados. Por exemplo, a análise dos xenes permite saber se existe un risco alto de infarto miocardio. O problema é que a información sobre estes temas é tan ampla e está cambiando tan constantemente, que os médicos necesitan un informe completo que lles oriente sobre que consecuencias pode ter certa mutación xenética.

É a primeira empresa que existe en Galiza que se dedica a algo así ...

Hai grupos de investigación que poden identificar unha mutación xenética, pero non hai empresas que elaboren informes tan completos. De feito, nós non coñecemos o caso de que haxa máis empresas así, nin en España nin no resto do mundo. O noso produto recolle toda a información clínica do paciente e mestura dous enfoques, o da xenética molecular e o da clínica especializada.

Que problemas atopáronse para montar a empresa desde a universidade?

O primeiro problema é convencer aos colaboradores que necesitas de que é unha boa opción. Ao montar unha empresa así non só te arriscas a perder diñeiro, se non tamén a perder o teu posto de traballi e despois ter que partir de cero. Por iso tivemos dificultades para atopar eses colaboradores. Noutros países hai unha cultura consolidada de montar empresas desde a universidade, pero aquí séguese pensando que o científico é un individuo que traballa nunha torre de marfil, sen obxectivos concretos. E a realidade é a contraria, a ciencia é unha actividade esencialmente capitalista.

Entón, que medidas botan en falta para facilitar a creación de máis empresas deste tipo?
Non só se trata de créditos e axudas, que hai moitos. Tamén se necesitan programas de consolidación laboral dos investigadores, tanto da xente que está empezando como daquela que xa ten experiencia. Se o proxecto non sae adiante, un perde o seu posto de traballo. É dicir, estase penalizando ao emprendedor, cando habería que apoialo máis.
Que lle recomendarían aos emprendedores que estean valorando lanzarse á aventura empresarial?
O primeiro é que non vale con ideas abstractas. Necesitas, ademais de moita paciencia, un produto concreto. E moito asesoramento, que podes recibir desde a universidade. Tamén hai que ser duro na negociación coa universidade, porque estas tratarán de reter para se mesmas a maior parte de beneficios posibles. Pero está claro que se queres facer investigación de alto nivel, só podes facela desde o mundo da empresa, non podes depender só dos fondos públicos.


4,75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: