Consolidar unha industria do software no país é un dos obxectivos dos promotores
Representantes de dez empresas galegas que traballan con programas libres xuntáronse onte en Santiago por vez primeira para tratar de crear un ente que defenda os seus intereses. A asociación pretende, entre outros fins, que as compañías colaboren entre si de cara a consolidar unha industria galega do software.
Outro dos obxectivos propostos é asumir a representación do sector para asesorar ás administracións públicas do país nas migracións aos programas abertos e, ademais, representar ás compañías nos foros estatais.
Un sector en expansión
Os promotores da iniciativa, entre os que se atopa Igalia, fan un chamamento a todas as empresas interesadas a unirse ao grupo de traballo constituído onte.
Mancomun.org, a iniciativa pública galega a prol do software libre, ten rexistradas case 50 empresas deste tipo en Galiza. Ademais, o software libre é un dos sectores no que se agarda un maior crecemento da industria informática, segundo indicaron os expertos entrevistados para a elaboración do Plano Estratéxico da Sociedade da Información.