"Mentres PSdeG e PPdeG están no 'ti máis', nós nin compramos votos nin temos escándalos urbanísticos", defendeu Anxo Quintana na Coruña.
Agoiroulle Anxo Quintana unha "derrota por goleada" ao PPdeG na cidade da Coruña, e chamou tamén aos cidadáns a retirarlle o apoio ao PSdeG onde na súa opinión o candidato socialista herdou similares "parámetros antigos" aos que no seu día "practicaba Francisco Vázquez". Cualificando de "caducas e ineficaces" as teorías da "cidade-Estado" do ex rexedor coruñés, Quintana pediu o voto para o BNG en favor "dunha política limpa e comprometida á vez con Galiza e coa Coruña".
Na súa intervención na cidade herculina destacou especialmente o debate sobre vivenda nesta campaña e dixo botar en falta compromisos concretos do PPdeG neste eido. "Feijoo o outro día perdeu o tren en Ourense e hoxe perdeu a oportunidade de asumir o compromiso en materia de vivenda proposto polo BNG", comentou. Ao fío, fixo brincadeira sobre a publicidade dos populares ao respecto da oferta de vivenda a "prezo taxado". Así, preguntouse Quintana: "taxada por quen? polos especuladores? polos promotores? polo mercado libre?".
A continuación, o candidato do BNG á alcaldía da Coruña, Henrique Tello, laiouse de que a cidade estivese dirixida durante tantos anos "por un equipo que priorizou as lambetadas ao pan e que investiu 18 millóns de euros nun ascensor que leva a ningures, antes de arranxar os problemas dos seus cidadáns". Tello solicitou o "voto masivo" para o Bloque para "gobernar á Coruña con sentido común".