A Marcha Mundial das Mulleres celebra en Galiza este día de homenaxe a todas as que, a título individual ou dende colectivos, loitan pola paz.
Este xoves 24 de maio a Marcha Mundial das Mulleres conmemora en Narón o Día Internacional das Mulleres pola Paz, coa proxección do filme As tartarugas tamén voan, do director kurdo Bahman Ghobadi. O cineasta, premiado na última edición de Cineuropa, comezou a filmar esta película a sete días do comezo da guerra de Iraq. Nela, o perigo das minas antipersoa é relatado por un grupo de rapaces. A proxección terá lugar na aula de usos múltiples da Biblioteca Municipal, ás 19.00.
As loitadoras pacíficas
O 24 de maio foi declarado Día Internacional das Mulleres pola Paz e o Desarme no 82, cando moitos grupos pacifistas de mulleres europeas quixeron homenaxear ás británicas que se opuxeran á OTAN. Ao longo da historia, varios grupos feministas iniciaron movementos polo desarme: Mulleres de Negro naceu no 88, a raíz da primeira Intifada Palestina. Crearon un xeito alternativo de protesta contra a ocupación israelí: vestidas de negro, portaban uns carteis en árabe, hebreo e inglés que poñían "Deteñan a ocupación", "Eu non quero ser o inimigo".
Nos Balcáns, no 91, xorde unha nova experiencia: un grupo de feministas tamén vestidas de negro toma as rúas de Belgrado para protestaren contra a guerra, o militarismo, o nacionalismo excluínte, as violacións sistemáticas como arma de guerra e a limpeza étnica en Kosova. Ese mesmo ano, unha delegación de mulleres italianas pacifistas visita Eslovenia, Croacia e Serbia, e centos de nais de mozos enviados a loitar na fronte contra a súa vontade irrompen nunha das sesións do Parlamento serbio para esixiren o retorno dos seus fillos. Mulleres de Negro espallouse pola India, os EUA, Sudáfrica, Italia, Inglaterra, Alemaña, Francia, España, México, Costa Rica, Arxentina e Chile. Malia carecer de estruturas formais e non ter voceiras, en cada país ou rexión actúan consonte as demandas e necesidades das mulleres.
Nos EUA, Code Pink traballan a favor da xustiza social e da paz, contrarias á "política do medo" de Bush. As súas propostas son creativas, irónicas e cargadas de retranca, mais cun enorme sentido crítico. Á parte de colectivos, moitas mulleres teñen loitado pola paz e mesmo levado o Nobel: é o caso de Rigoberta Menchú, maia-quixé que denunciou as inxustizas do réxime guatemalteco, a iraní Shirin Ebadi, a bióloga keniana Wangari Maathai, iniciadora do Green Belt, a birmana Aung San Suu Ky... En homenaxe a todas as mulleres que loitaron (e loitan) pola paz e por medio da paz, celébrase este Día.