A orde que rexe a gratuidade dos libros de texto ten xa as primeiras críticas: NEG insta á consellaría a ter en conta a compensación social e a non centrarse exclusivamente no libro como material curricular.
Perante a orde reguladora da gratuidade dos libros de texto, publicada polo DOG este luns 21 de maio, déronse a coñecer xa as primeiras reaccións da comunidade educativa: dende Nova Escola Galega salientan que existe unha confusión entre "libros de texto" e "material curricular", que o libro acaba por dirixir o currículo na vez de ser unha ferramenta, e que o investimento realizado non ten en conta outras necesidades orzamentarias do ensino: dotación de infraestruturas como bibliotecas ou aulas de informática e mesmo de recursos humanos, elaboración de materiais didácticos propios...
A medida da Consellería de Educación inviste e centra os esforzos, segundo Nova Escola Galega, no libro de texto: "desaparece a posibilidade de substituír a adquisición de libros de texto por materiais curriculares elaborados polos centros, que si se recollía na orde anterior". Non se teñen en conta outros recursos educativos: "o estado de carencia que teñen as bibliotecas escolares, a ausencia de materiais de aula, os poucos medios informáticos, a insuficiente dotación de profesorado... poñen en evidencia que este modelo de gratuidade ignora esa situación e inviste cantidades moi importantes sen ter en conta outras prioridades e alternativas".
Ademais, salienta que non existe compensación social "ao programarse con carácter universal e indiscriminado, sen reparar nas diferentes situacións económicas das familias. A educación debe ter unha consideración compensatoria de discriminación positiva das desigualdades de orixe". Sinalan, ademais, o impacto da medida no sector editorial, sen ter en conta a todos os sectores implicados, o que remata por condicionar a educación en termos do mercado. "Se realmente se quere acadar a gratuidade para o ensino obrigatorio, resulta imprescindíbel sentar a unha mesa a todos os sectores implicados neste ámbito e adoptar as medidas e estratexias máis convenientes para conseguir un ensino de calidade, gratuíto e compensatorio das desigualdades".