O xigante téxtil xa retirou das tendas de Israel as prendas que causaran molestias aos ultraconservadores israelís.
Inditex inseriu publicidade en medios de comunicación ultraortodoxos xudeus nos que informa de que vendeu un traxe para home cunha tea coñecida como sh'tanz. Esta tea está prohibida polo xudaísmo, que a considera "un híbrido contra natura".
O grupo téxtil ten na actualidade un total de 29 tendas en Israel, 15 delas baixo a marca Zara e o resto coa imaxe de Pull&Bear. Segundo lle informou a empresa a Europa Press, o suceso afectoulle só a entre 30 e 40 persoas. "Decatámonos de que un produto podía xerar molestias a determinados clientes por motivos relixiosos e retirámolo inmediatamente", explicaron dende o grupo. Ademais, ofreceron cubrir os custos das análises de laboratorio para aqueles clientes que queiran verificar que os traxes que adquiriron non conteñen a devandita mestura de tecido.