Chega á montaña de Montjuïc a exposición Claes Oldenburg Coosje van Bruggen. Escultura, quizais, coa produción dos últimos vinte anos desta parella de practicantes do Pop Art. Son ben coñecidos nesta cidade, hai anos instalaron Mistos.
Flor Caída
O Pop Art arrancou da proposta de tomar obxectos cotiás e industriais e convertelos en arte. Unha utopía? Claes Oldenburg e mais Coosje Van Bruggen son dous dos artistas que levan desde 1976 creando xuntos coa intención de transformar as cousas que usamos a diario en grandes obras. Se cadra en esculturas. Grandes polo tamaño e pola calidade. E mirando de que as súas pezas se poidan contemplar en público, en exteriores; fuxindo por tanto do interior museístico.
Que é trocar un xeado, unha corbata, o carozo dunha mazá ou unha vasoira en obxectos de 7, 10 ou 20 metros de lonxitude? Como chamarlles? Quizais sexan escenografías imaxinarias da Coosje e mais do Claes para unha representación das viaxes de Gulliver. É ben sabida a querenza que estes artistas tiveron e teñen polas performances, un xeito de facer acción directa diante do público. Se cadra non pasan de seren retallos do ollar da Alicia marabillada. Sempre se pode preguntar -a máis de querer saber se estamos a falar de escultura- se haberá unha homenaxe, un recoñecemento público ao traballo doméstico; feminino.
Ou será que esas instalacións non van máis aló de brinquedos de nenos grandes? A isto responde plenamente a exposición da que estamos a falar. A meirande parte das pezas e obxectos que se poden ver na Fundació Miró non son as obras acabadas, sitas en prazas e parques públicos (cousa que presentaría serios problemas: son obras grandes e pesan moitas toneladas). O que se ofrece é o proceso creador, o traballo dos dous artistas. Así, hai debuxos, estudos xeométricos e estéticos, de posibles pezas que logo acabarán executándose, ou non. Pódense ver filmacións sobre a colocación de obras nos exteriores públicos. Hai maquetas de centímetros de esculturas (talvez), que logo medrarán até chegar a moitos metros. E nestes traballos preparatorios, de pescuda, destaca a teima, a insistencia en lograr a estética achegada, en atopar as características do obxecto analizado para logo reflectilas na obra final.
Algúns exemplos do que estamos a dicir.
-- O Traxecto da Navalla (Il Corso del Coltello). En 1985 van Bruggen e Oldenburg presentan en Venecia esta performance. O eixe central era o Barco Coitelo, unha navalla que parodiaba as góndolas. Na obra actuaron os dous autores: Coosje, ela representaba a Literatura, e mais Claes, a Arte. E tamén participou Frank O. Gehry, o famoso arquitecto dos Guggenheim, que personificaba a Arquitectura. Agora, na Fundació Miró, pódense ver moitos dos debuxos e das maquetas que lles axudaron a concibir e preparar a representación. E incluso hai vestiario e obxectos usados na performance; entre eles a Casa Pelota, unha especie de globo terráqueo de catro metros de altura, con mesas, cadeiras e outros obxectos presentes en todo fogar.
-- Mistos (Match Cover). Esta obra, de máis de 20 metros de altura, leva bastantes anos entre nós. Foi instalada nas vésperas das Olimpíadas en Barcelona, no Vall d'Hebron. Os traballos relacionados coa concreción dos macro-fósforos, que se exhiben na exposición Claes Oldenburg Coosje van Bruggen. Escultura, quizais, permiten comprobar que ese tema era recorrente nos seus proxectos. Que, xa fose co motivo dun só misto, xa coa idea de que fosen varios, a parella deseñara diferentes propostas para unha ou varias pezas desde o ano 1980.
-- Desde a Biblioteca Entrópica (From the Entropic Library). Creación presentada en París no ano 1989. Sobre unha mesa uns libros deteriorados permanecen xuntos grazas a dous soportes laterais con forma de cabeza de elefante e motor fora-borda. Os libros, abandonados polo dono, estráganse e deles caen palabras soltas: beautiful, futility... O mesmo acontece coa lámpada que iluminaba a lectura dos libros. Trátase dunha reflexión sobre a fraxilidade e a caducidade das obras humanas. O tempo e a memoria.
-- Flor Caída (Dropper Flower). 2006. Esta peza fixérona os dous artistas para esta exposición. A exposición Claes Oldenburg Coosje van Bruggen. Escultura, quizais é unha colaboración entre a Fundació Miró e o Castello di Rivoli Museo d'Arte Contemporanea (Turín). A exposición estivo primeiro en Turín, onde permaneceu até febreiro deste ano. Flor Caída representa unha papoula acabada de cortar, de 3 metros, por cinco, por sete. A flor vén de ser recollida e é depositada no chan (esquecida?). Aínda mantén certa frescura, pero o peso comeza a dobrala. É unha flor humilde pero dunha cor soberbia. Na instalación, o poliuretano, a corda, o cobre, a pintura e demais materiais que conforman a peza, logran desacougar, emocionar ante a beleza presente da flor dos camiños e a inmediata e consecuente transformación nun resto orgánico murcho.
Nas salas da Fundació Miró estamos, quizais, ante os proxectos de obras de enxeñería. Talvez, son estudos para realizacións arquitectónicas? E por que non performances xigantes? Se cadra son puras esculturas. Si? Non? Xulguen vostedes.
EXPOSICIÓN:
Claes Oldenburg Coosje van Bruggen. Escultura, quizais
Fundació Miró, Montjuïc, Barcelona.
Até o 3 de xuño
Horarios: de martes a sábados, de 10 a 19 h, domingos, de 10 a 14,30 h.