Tamén nas vangardas da creación artística persiste o sexismo. A miúdo elas son as que máis arriscan, pero o seu traballo non é sempre abondo recoñecido. Malia que o mundo da creación non é alleo á incorporación das mulleres a tódolos ámbitos do espazo público, porén os roles tradicionais mantéñense tenaces. Son poucas as directoras de teatro e menos aínda as dramaturgas. Tan só unha muller, Margarita Ledo, está consagrada na dirección de cinema galego e foi aínda practicamente onte cando as escritoras se comezaron a incorporar ao centro do sistema literario, a narrativa. Os grupos musicais seguen copados por homes, máis aínda en ámbitos como o rock e a música electrónica. Nas artes plásticas, malia constituíren elas maioría nas aulas (máis do 70 por cento na facultade pontevedresa), son eles os que teñen o camiño máis achanzado para progresar na profesión. Un dos exemplos máis clamorosos, o da mostra Urbanitas, que á altura da primeira metade de 2006 tentaba ofrecer unha panorámica dos novos nomes da arte galega: tan só seis creadoras entre o elenco de trinta artistas seleccionados.
En TEMPOS quixemos centrar o foco nelas, as creadoras. A necesidade de acoutar levounos a comezar a rebeirar polos caixóns da creación artística. Quedan, porén, moitas outras faces creativas sobre as que nalgún momento haberá que botar luz, dende os laboratorios de investigación científica até os espazos onde burbullan os motores do dinamismo social. Non será esta unha nómina exhaustiva, mais sirva como primeira vista de paxaro dende a que comezar a recoñecer o traballo das nosas xenias.
Na escrita
Quizais haxa poucas literaturas que poidan gabarse, como a galega, de contar cunha muller como xermolo fundacional. Ben sexa polo peso lexitimador da figura rosaliana, ben polo traballo de todas esas escritoras que -incardinando xénero e nación- comezaron a construír o discurso literario das mulleres xa dende os anos 70, ben pola irrupción dos 90 dunhas poetas case adolescentes que fixeron súa a poesía galega de cambio de milenio, o certo é en Galicia, a receptividade e o grao de institucionalización do discurso diferencial por elas elaborado foi moito maior ca nos sistemas literarios doutros países.
A poesía resultou fundamental na institucionalización da literatura de mulleres. As poetas dos 90, paridas no substrato forxado por tantas e tantas autoras anteriores, aprenderon das súas predecesoras a non quedarse co papel de musas ou de princesiñas. Nomes como os de Olga Novo, Yolanda Castaño ou Lupe Gómez sorprenderon con verbas que explicitaban o erotismo dende a reivindicación protagónica do seu corpo de muller. Poetas estas e moitas outras entón case adolescentes que agora, sendo aínda novas, asentan xa as súas traxectorias na madurez. O momento actual está marcado pola expectativa dun recambio xeracional que non termina de fraguar, en tempos de pouco movemento para a poesía. Nos últimos anos apareceron novos nomes como os de Antía Otero, Lucía Novas, Rosa Enríquez ou Elvira Riveiro, mais aínda non existe delas unha imaxe de grupo, de xeración, nin unha percepción clara da ruptura e diferenciación do seu discurso co das poetas anteriores.
A narrativa foi o último espazo no que as mulleres irromperon coa verba, precisamente por estar situado no mesmo centro do sistema literario. Na solaina do novo milenio comezaron a abrollar as tan esperadas narradoras. “Poucas literaturas agardaron polas narradoras como a literatura galega. Esas voces están aparecendo nos últimos tempos, e ademais non escriben só en clave feminista, senón que queren contar en claves diferentes.”, afirma a profesora Helena González. Pasar do estadio do espello –a escrita das mulleres como autorrepresentación- a explicar o mundo, é para González un paso necesario que hai que dar para chegar á madurez na narrativa. Nesa construción de novos mundos, esta experta en literatura e xénero destaca tentativas como as incursións no campo da ciencia ficción de autoras como Mariña Rei ou María Reimóndez, a entrada no terreo da novela histórica de Rosa Aneiros ou as propostas dun libro como Herba Moura, de Teresa Moure. Mais tamén dende a narrativa, subliña González, é preciso avanzarmos noutros ámbitos, como a construción de novas subxectividades masculinas, o que dalgún modo xa se apunta no último libro de María Reimóndez.
É quizais na literatura infantil e xuvenil galega onde a presenza de mulleres escritoras está máis normalizada quizais por ese vencellamento coas crianzas –e polo tanto á función reprodutora ligada ao feminino-, quizais tamén por ser a LIX –como explica o escritor Xosé Antonio Neira, un ámbito tamén situado, como elas, nas marxes. Concha Blanco, Helena Villar Janeiro, Úrsula Heinze ou María Victoria Moreno estiveron xa presentes dende os momentos fundacionais da LIX Galega. Fina Casalderrey, Gloria Sánchez Marilar Aleixandre ou An Alfaya destacan agora entre as traxectorias máis renomeados da literatura infantil e xuvenil. Os últimos tempos acollen a chegada de novas escritoras (Elvira Pérez, Ánxela Gracián, Alicia Borrás, Ana Carreira, Dolores Ruiz, Elisa Gallego, Paula Carballeira…) e tamén ilustradoras, como Noemí López ou Patricia Castelao, que tardaron máis en chegar. Falando de ilustradoras, ben a conto lembrar que a súa visibilidade aínda é moi minguada nun ámbito aínda moi masculino como é a Banda Deseñada. Dos setenta e dous debuxantes recollidos en culturagalega.org, só hai dúas mulleres.
A etiqueta “literatura de mulleres”, consolidada de cheo no noso sistema literario, funciona porén como unha arma de dobre fío. Por un lado, visibiliza as escritoras, mais por outro, ameaza con encerralas nun ghetto. “Coido que temos que romper individualmente con esa etiqueta. Nós existiremos como voces singulares polo esforzo que fagamos en demostrar que ese nome ten unha razón de ser máis alá do xénero”, apunta a poeta María do Cebreiro. “A min chámanme a moitos sitios para falar de mulleres. Non me preguntan doutras cousas. E coido que, dende a ollada de xénero, se pode falar de moitos outros ámbitos”, sinala a escritora Teresa Moure. A moda violeta, como acuña Helena González, tamén ameaza con converter a literatura de xénero nunha literatura comercial de subxénero na que todo o que teña que ver con mulleres (do rosa pasteloide ao violeta) teña cabida. Unha etiqueta que, non obstante, coas súas vantaxes e cos seus riscos, aínda semella lonxe de consolidarse noutros ámbitos da creación artística galega.
En escena
“Os roles de poder case en todas as sociedades do mundo foron asumidos polos homes e o teatro reflicte iso”, afirma Inma Antonio Alonso, unha das poucas dramaturgas do teatro galego. Nas artes escénicas, as mulleres exercen sobre todo como actrices, iso si, con menos posibilidades de traballo. Ben sexa porque a maioría dos personaxes dos textos clásicos son homes, ben porque elas están máis determinadas por cuestións como o físico ou a idade. Son poucas as directoras e menos aínda as autoras. Postos máis técnicos e ámbitos como a escenografía e a composición son feudos masculinos.
Pioneira foi Xohana Torres, que bota a navegar polos mares da escrita dramática mesmo antes da inauguración oficial do teatro galego no 1973. Como pioneira tamén despunta Dorotea Bárcena á hora de irromper, como dramaturga, directora e empresaria, en roles monopolizados por homes. Nos 80 comezaron a publicar autoras como Luísa Villalta, María Xosé Queizán ou unha entón ben nova Inma Antonio Souto, mais tan só unha década despois, como ben sinala a crítica teatral Inma López Silva, deixarían de facelo. Chega entón o momento das directoras. Nomes como o de Ánxeles Cuña Bóveda, en Sarabela Teatro, Cristina Domínguez, n´A Factoría, ou Ana Vallés, en Matarile, son xa un referente no teatro galego actual. Son poucas mais destacáronse arriscando nas propostas e na incorporación de novas linguaxes, e os seus traballos foron abondo recoñecidos en premios como os María Casares.
Mais, a pesar da recoñecida traxectoria de varias das nosas directoras, non foi até ben pouco que puideron atravesar portas como as do teatro institucional. Ánxeles Cuña e Cristina Domínguez, as primeiras directoras na historia do Centro Dramático Galego, esforzáronse en abrir este espazo para as súas compañeiras. Nos escasos meses que a directora de Sarabela Teatro estivo á fronte do CDG, foron dúas as mulleres que dirixiron, Ana Vallés e Paula Carballeira, tantas como as convidadas a facelo na longa traxectoria anterior do centro (a propia Ánxeles Cuña e Elena Pimenta). Cristina Domínguez asume abertamente este compromiso de sacar á luz as mulleres do teatro: “O problema das mulleres é que non son visibles”, recoñece. En ámbitos como a escenografía, a música ou outros traballos técnicos segue sendo especialmente complexo, polo que é preciso asumir un plus de esforzo para facelas presentes.
Podemos falar, como na literatura, dunha etiqueta teatro “de mulleres”? Quizais de momento aínda sexa pronto, se con tales etiquetas nos estamos a referir a un discurso colectivo, propio e consolidado, baseado na denuncia e relectura dos esquemas patriarcais dende a ollada feminista. “Eu creo que aínda somos poucas. Non parece que teña transcendido a escrita de mulleres galegas, para ser referente cultural, como si acontece no resto da península. Non hai realmente un movemento”, indica Cuña Bóveda. Mais, aínda así, é patente nalgúns dos traballos destas autoras e directoras o compromiso na relectura dos esquemas sexistas da sociedade. Manifesto ben na desmontaxe de mitos e prexuízos, ben na relectura de obras clásicas, ben na abordaxe do mundo dende o punto de mira das mulleres e as problemáticas que nelas se ceban.
É nas novas xeracións que se están a formar, como sinala Carlos Neira, profesor no centro de formación en artes escénicas Espazo Aberto, onde as mulleres están a levar a voz cantante. “Elas están na liña do contemporáneo, ao bordo do descoñecido”, sinala. Nestas voces mozas encóntranse propostas que beben das fontes da teoría e da práctica dos feminismos, así como da reflexión sobre as identidades. Tal é o caso do traballo de NUT Teatro, compañía creada polo propio Carlos Neira xunto con varias das súas alumnas. Traduciron o 4.48 Psychosis de Sarah Kane e recentemente levaron a escena Corpos disidentes, cun fondo discurso sobre a identidade e o corpo, alusivo en varios momentos ás novas teorías feministas e cunha presenza central da reflexión sobre o tranxénero. Entre estas novas propostas que imbrican teatro e xénero atópase tamén o traballo de Clara Gallo, autora e actriz que nunha obra da súa autoría como é Play MDA atrevíase a revisar o mito de Medea, como representación desa muller mala que a nós-elas non lles está permitido ser.
Quizais sexa a danza o ámbito das artes escénicas onde as mulleres están máis presentes. Xogan un papel de relevo, non só como membras do elenco senón tamén como directoras e autoras de espectáculos, na maior parte das compañías, tal é o caso de Pisando Ovos, Disque Danza, Inquedanza, Experimenta Danza, Druida Danza e B. Studio.
A reportaxe completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)