Equipos europeos, a meirande parte deles galegos e portugueses, concentraranse os días 26 e 27 no concello de Caminha.
Unha imaxe da anterior edición do festival, no ano 2005
Papaventos de todo o continente reuniranse a vindeira fin de semana en Moledo (Caminha) no Terceiro Festival Internacional de Papagaios da vila veciña á Guarda. Do 26 ao 27 de maio, algúns dos principais expertos da disciplina de Portugal, Galiza, Asturias, Madrid, Valencia, Alemaña e Bélxica farán voar os seus artefactos na praia da localidade.
A organización xa confirmou a presenza de 18 clubs, dos que seis son galegos e outros tantos, portugueses. Participarán no encontro o belga Jos Valcke, o alemán Rolf Zimmerman e os irmáns Pedro e Esteban Molina, de Valencia, cos seus enormes papaventos, que chegan a superar os 40 metros de envergadura. Tamén se poderán ver espectáculos de voo ao compás da música do Team Imagina, de Madrid.
Paralelamente á exhibición dos enxeños, montarase un obradoiro para cativos, onde se lles ensinarán as técnicas de confección de papaventos con material cedido gratuitamente pola organización.