Área de lecer nas Brañas do Sar, metro lixeiro... No ecuador da campaña PSdeG, BNG e PPdeG lanzaron xa as súas iniciativas máis espectaculares para Compostela.
O PSdeG anunciou o estudo dunha liña de metro que conectaría Santiago co municipio de Ames, estimulando a área metropolitana conxunta. Na carpeta dos socialistas tamén aparece a posibilidade de estabelecer liñas de metro no interior da propia cidade, malia que o actual alcalde recoñeceu non querer afondar máis no asunto durante a campaña subliñando o elevado custo e complicacións que na súa opinión ten un proxecto destas características.
Á espera das sorpresas que o PSdeG compostelán puidera reservar, máis arriscadas aparecen as ideas dos seus rivais políticos. O PPdeG, liderado por Xerardo Conde Roa, propón a construción dunha rede de metro lixeiro que circularía por todo o contorno da cidade co obxectivo de "darlle un xiro ao transporte público da cidade". Cun percorrido practicamente total en superficie, este metro circunvalaría a cidade enlanzando ademais un sistema de aparcamentos no exterior da urbe que tratarían de descargar de tráfico o interior da capital galega. Ademais, á beira desta liña habería un anel de carrís bici. A outra gran aposta para o urbanismo da cidade que fan os populares é a peonalización do contorno de Porta Faxeira, levando o tráfico por baixo do solo, creando un espazo de lecer que se estendería até a Alameda e construíndo por baixo dela un párking.
Espectacular e ambiciosa é tamén a idea presentada este sábado polo BNG para a zona das Brañas do Sar. O equipo de Néstor Rego deseñou un gran parque recreativo de 300 mil metros cadrados. Pistas deportivas, un lago navegábel por pequenas barcas e piraguas, amplo parque infantil e extensas zonas verdes á beira do Sar. O proxecto mesmo propón a recuperación da histórica cuberta da estación de Renfe, que despois da construción preto do lugar da estación intermodal, pasaría a este parque ofrecendo un amplo recinto cuberto para actividades diversa.