A "rascar cantos votos sexan posíbeis" convidou Manuel Fraga aos populares na súa primeira intervención durante esta campaña electoral.
Logo de anos de hiperactivas campañas electorais con ducias de actos por todo o país, Manuel Fraga chega en 2007 á caravana destas municipais xa no ecuador do traxecto. O ex presidente inaugurou intervención na parroquia de Augasantas, en Pontevedra, onde se referiu a algúns asuntos de actualidade, como é o caso da recente folga do naval, comentando que sucesos como o da ocupación das delegación da Xunta en Vigo "non pasan cun goberno serio".
Na mesma xornada, Fraga apareceu tamén no mitin da Estrada, onde deixou frase para a posteridade: "Todas as empresas humanas son camiños que hai que percorrer sen pisar a ninguén, salvo que se empeñen", logo de debullar os "logros" dos seus anos de goberno, mencionando cifras de quilómetros de estradas construídas ou hospitais edificados. Cualificando de "transcendental para Galiza e España" esta campaña electoral, pediu a mobilización dos simpatizantes do PPdeG para rabuñar os votos necesarios que eviten coalicións "que veñan amolar".