A Asociación Cultural Amigos do Museo de Vilalba convoca o galardón, que publicará o mellor estudo sobre a prehistoria do territorio da antiga Gallaecia.
Convocatoria do premio
O premio, para traballos relacionados coa prehistoria e coa arqueoloxía, convócase para honrar a figura de Xosé Ramil Soneira, que foi director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. A asociación de Amigos do Museo organiza o premio, que terá carácter trianual, co obxectivo de divulgar e protexer o patrimonio arqueolóxico do país, como fixo Ramil.
A convocatoria, aberta até o 1 de outubro, está dirixida a todos aqueles estudos, orixinais e inéditos, incluídos teses e traballos de investigación, que traten sobre a Prehistoria, a Arqueoloxía, a Historia Antiga e as súas disciplinas auxiliares no territorio da antiga Gallaecia.
Poden participar persoas de todo o mundo, sempre que os seus traballos estean escritos en galego ou castelán, cun resumo nos dous idiomas e mais en francés ou inglés. Aínda así, a obra gañadora publicarase en galego, preferentemente.
O xurado, presidido polo director do Museo de Vilalba, terá como secretario un membro da xunta directiva da Asociación de Amigos do Museo, que ademais designará cinco persoas de recoñecido prestixio no campo da Arqueoloxía e da Prehistoria.
A entrega do premio terá lugar no mes de decembro, nunha cerimonia pública en Vilalba, onde a persoa gañadora terá que facer unha exposición pública da obra premiada.