Artistas da vila expresan a súa creatividade inspirándose na mascota do evento cinematográfico.
Quince artistas emerxentes reinterpretan a mascota do Festival de Cans nos escaparates do Porriño. Dende o venres 18 até o venres 25, desenvólvese na vila da Louriña a Can Parade, un evento cultural que conmemora, ao tempo, a cuarta edición do festival, que será do 24 ao 26 de maio.
A Asociación Cultural Arela quixo abrir un espazo para a xente nova do Porriño que está a traballar nos eidos da arte, o graffiti, a publicidade e o deseño para que expresase as súas creacións. Así xurdiu a Can Parade. “Se Vigo ten a Cow Parade, Cans tiña que ter a Can Parade”, explicou Corinne Pérez.
Na praza do Concello reuníronse por primeira vez os quince cans con boa parte dos seus autores, que partiron dunha silueta de madeira para a transformaren ao seu gusto con dispares resultados e materiais. Até o día 25 estarán en escaparates do centro de Porriño, e o 26 trasladaranse ás leiras de Cans.