Neste 18 de maio, á parte do 40 cabodano de María Mariño e a resaca do Día das Letras, é tamén o Día Internacional dos Museos. Varias salas, institucionais ou non, celébrana en toda Galiza.
Esta celebración foi instituída por primeira vez en 1977, polo Consello Internacional de Museos (ICOM), para impulsar o papel dos museos na conservación e difusión do patrimonio cultural e para promover o seu coñecemento na sociedade. Este ano, o manifesto, co lema Museos e patrimonio universal, o insta a concentrar esforzos "para a rehabilitación de patrimonios perdidos e mesmo aldraxados".
A Consellería de Cultura programa diversas actividades: a partir deste venres día 18 e durante vinte días, terá lugar na sala de exposicións temporais do Museo do Pobo Galego, en Compostela, o espectáculo Un camiño de lendas e música, onde cinco músicos e un actor realizarán un percorrido musical e contado polo Camiño de Santiago. Está dirixido a alumnos de terceiro ciclo de Educación Primaria e da , e a centros da terceira idade.
Foi precisamente no 77 cando abriu as súas primeiras salas en Bonaval o Museo do Pobo Galego. A festa grande de aniversario ha ser en outubro, mais neste día tamén haberá celebración: o Día das Letras e a figura de María Mariño teñen o seu pequeno espazo no claustro do Museo, na entrada ao Panteón de Galegos Ilustres. Un retrato da poeta noiesa e un poema de Palabra no tempo reciben aos visitantes, que tamén recibirán un obsequio do Museo e poderán deixar, nun pequeno mural, a súa felicitación, comentario ou graffiti.
En Compostela, preguntas e performances
Tamén en Compostela, o CGAC formúlanos unha interesante pregunta: que é para nós o patrimonio. Recollendo o tema de reflexión proposto polo ICOM, o Centro Galego de Arte Contemporánea habilitou un espazo para que os visitantes respondan, dende o seu punto de vista, a esta cuestión. A proposta do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos do CGAC parte de que o patrimonio vai máis alá do material, xa que inclúe as experiencias que cada un de nós temos e trasladamos a outras persoas. Por esa razón aproveita esta ocasión para pedirlle ao público que comparta esas experiencias vividas cos demais deixándoas por escrito.
Por último, a Fundación Granell continúa coa programación inserida no Roteiro de Creación Contemporánea, e aproveita este Día dos Museos para contribuír cunha achega moi especial: o espectáculo de danza de Gelu Ramos, "Esculturas para un momento como este", unha nova acción de María Meijide, "Action Painting ", o concerto con proxección audiovisuais de Cableyceraextrema, a "Explosión controlada" da performer Rita Rodríguez, a actuación do "histriónico cantautor" Rasmusadaticilos , ou a do artista Ignacio Jofre, "Collage", darán moito que . Pecha a danza performance "Rainbow tree", con Vanesa e Suso Rodríguez na Praza do Toural, ás 20.15.
Ademais...
No Museo Etnolóxico de Ribadavia inaugúrase ás 12.00 a exposición A Aula no Museo, unha serie de debuxos realizados polo alumnado de 2º de bacharelato e de 4º da do I.E.S "O Ribeiro" de Ribadavia. A partir do día 24 comezarán os obradoiros "Escribimos coa luz". Entre tanto, no Museo marítimo-pesqueiro Massó, en Bueu, haberá contacontos dramatizados sobre o contorno mariño e mariñeiro a cargo de Fátima Fernández e co título "Cóntame do mar", tanto pola mañá, para público escolar, como pola tarde: ás 20.00 haberá unha sesión para familias.
Mentres, no museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, ao longo deste sábado 19, desenvolverase unha programación con música, danza, teatro e visita nocturna ao castro. Ás 19,00 o grupo de teatro Upiasca representará no castro a obra Gueto. Logo, o grupo de danza da USC a peza Cun par de TAkÓNS, e ás 20.30 horas haberá un concerto de jazz a carga da banda HOT 3sss+1.
Aniversario
Nesta mesma data, en 1970, fundouse no Castro-Sada o Museo Carlos Maside, ideado polo Laboratorio de Formas e apoiado por Cerámicas do Castro, en homenaxe ao rupturista pintor dos anos 30. O Museo naceu grazas ás doazóns das coleccións particulares dos membros fundadores do Laboratorio de Formas . Obras de Francisco Lloréns, Castelao, Francisco Asorey, Maside, Bonome, Laxeiro, Arturo Souto, Fernández Mazas, Lugrís, Seoane, Colombo, Mario Granell, Colmeiro ou Euxenio Granell residen neste museo que fai hoxe 37 anos.