No certame xuntáronse algúns dos mellores solistas do panorama actual da gaita galega, e homenaxeouse ao gaiteiro Rilo de Betanzos cen anos despois do seu pasamento.
O cangués Alberto Coya arriscouse neste certame cun repertorio vangardista, fronte a tónica tradicional do resto dos participantes. A "Xota de Forcarei" e "Preguiceira", acomnpañados de bombo e tamboril, foron os temas grazas aos que conseguiu o premio. Logo de recollelo aínda interpretou a "Muiñeira de Piadela" en dixitación pechada, amosando que a pesar da súa técnica vangardista, tamén interpreta respectuosamente o máis tradicional do folclore galego.
Este premio, segundo palabras do propio Alberto Coya, "anímame a seguir traballando na innovación e uso doutros recursos musicais aplicábeis á interpretación da gaita galega, ao mesmo tempo que fai que me interese polo xeito de tocar máis ancestral e orixinal" O gaiteiro, de 23 anos, naceu no Hío e na actualidade, ademais de estar diplomado en maxisterio musical pola Universidade de Vigo, está rematando os seus estudos de Historia e Ciencias da Música na universidade de Oviedo. Gañou xa outros premios como o "Constantino Bellón", "Memorial Ricardo Portela" ou o "País de Sarria", ademais de obter o cuarto lugar na clasificación do "Trophee MacCrimmon" (Lorient, 2006).