Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
NOS ACTOS DE 'BARCELONA POESIA'

"A lingua, tamén, foi gardada, colgárona na biblioteca"

A mesa de poesía que organiza o Centre Dona i Literatura dende fai 4 anos agasallounos unha vez máis cun anaco de reflexión e deleite, coa participación das poetas Miren Agur Meabe, Montserrat Rodés e Yolanda Castaño.

Fina Iglesias - 23:00 14/05/2007

O acto forma parte das actividades de Barcelona poesía e contou coa colaboración e complicidade do Centre de Cultura de Dones Francesca Bonnemaison e, por primeira vez coa colaboración da Secció de Basc da Universitat de Barcelona.

Presentada por Helena González e Francesco Ardolino, a mesa de poesía ten como obxectivo a reunión de poetas de diferentes linguas para falar sobre poesía e poéticas tendo un verso ou versos como xerador de reflexión e debate. A particularidade deste encontro céntrase na liberdade das autoras para orientar e organizar as súas intervencións, feito que contribúe a dotar á mesa dunha intimidade con elas moi especial. Nesta ocasión o emblema foron uns versos de Sylvia Plath: “la llengua, també, ha estat desada, l'han penjada a la biblioteca”, na versión catalá de Montserrat Abelló.

A intervención de Miren Agur Meabe, a primeira poeta vasca que participa na mesa, serviunos un menú de tres pratos de elaboración propia e ademais uns anaquiños a xeito de “bocaditos” que a foron aromatizando permitíndonos así coñecer outras poetas vascas. Co revolto quente de usos, desusos e abusos da lingua, Miren foi debuxando a situación da lingua vasca, a lingua da terra, a lingua “vaca” rendible, que se pode muxir, a lingua “ideoloxía” que nunca din que non, a lingua “papel de regalo” que sempre queda ben sobre todo se emprega na literatura infantil e xuvenil, a lingua que outorga tipismo, a lingua que está viva só nas aldeas e na costa, nas aulas, e rematou coa afirmación que escribir en éuscara é unha opción vital, estética e social. O segundo prato, fíos de espuma en leito de auga con aroma de néboa, degustounos coas reflexións sobre os diversos fíos que engarzados na escrita a conforman e posicionan: o eu, a escrita, o corpo, a casa, a historia, coa reivindicación do cotián, das cousas da vida, e desfacendo tópicos: escribir desde a propia vida sobre a vida non implica necesariamente que a poesía agrome do corazón. O postre, subliñado de árbore infinita, fainos lembrar o acubillo da cociña como correa da transmisión feminina, e a imaxe da árbore coas raíces na terra é as follas no ar que subliña o espazo coa súa forma.

Montserrat Rodés falou da lingua agachada baixo a ameaza constante, das chamadas linguas minoritarias que resisten; a lingua arma de gume, que ben afiada mellora a comunicación, aquela que nos move ao emprego da lingua e da linguaxe; a lingua reliquia, que algúns a presentan avellentada, testemuñal, a que ten a escrita coma testemuña da súa existencia, da súa concreción, a que garante a súa universalización. Fixo referencia tamén á importancia da fala, como medio de expresión e difusión das ideas e pensamentos, ao abuso da fala nos mass media, á saturación que hoxe supón a hiperprodución de libros, a chamada literatura “mediática” -e preguntábase ela, literatura, u-la?-, a literatura que une e enlea habilidade, expresión artística e máis poesía.

Yolanda Castaño sorprendeunos cun discurso poético que foi repasando a situación e a historia da lingua galega, a lingua que sobrevive porque foi utilizada, a lingua que basea a súa supervivencia na terra, na lareira, nas redes, nos curros... A lingua que se non morrería aforcada nas trabes da biblioteca. Aludiu aos cambios da normativa e o “pesadelo da hipercorrección” como obstáculo para a normalización e como vía para morrer de sobreprotección. Evidenciou o paradoxo que existe entre a literatura brillante cunha escrita rica e a visión pobre da lingua que teñen moitos dos falantes, o abandono xeracional do galego. Apostou por unha lingua actual, sen solemnidade, que sexa reflexo da verdade cotiá, auténtica ao contrario que unha lingua gardada que só “esdruxulea nos acentos da pedantería”.

Montserrat Rodés e Yolanda Castaño agasallaron os presentes coa lectura de poemas inéditos como peche das súas intervencións, nun avance das súas vindeiras edicións.

Paradoxalmente, a mesa nesta ocasión xirou máis arredor da sociolingüística que das opcións persoais das poetas, os posicionamentos por unha ou outra lingua, as dificultades da escrita. Porén, é un reflexo da preocupación persoal pola propia lingua por riba das formulacións estéticas.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: