The Homens presentarán temas do seu próximo disco e Los Ruines amosarán o seu punk rock.
Projecto Mourente
O Festival Rock en Costa, que se desenvolve cada ano no barrio compostelán do Castiñeiriño, preséntase este mércores 16 cun concerto por todo o alto na Sala Nasa. A partir das nove e media da noite, Los Ruines, The Homens e a estrea en directo de Projecto Mourente servirán para anunciar o festival, que se levará a cabo o 2 de xuño.
Los Ruines, banda de Cerdido, abrirán a festa cunha mostra do seu punk rock nun intenso directo que xa levaron por Galiza adiante. Despois será a quenda de The Homens, o grupo compostelán de power pop que está a piques de sacar novo disco. O trío reaparece en vivo despois duns meses de parón por mor da preparación do álbum, e presentará algunhas das novidades ademais de temas xa clásicos.
Projecto Mourente presentarase por primeira vez en directo cunha escolma dos seus meirandes éxitos, que superaron as 15.000 descargas dende a web da plataforma A Regueifa. Mourente contará coa axuda sobre o escenario de grupos doutras bandas de Santiago, entre eles The Homens.
O Festival Rock en Costa 2007 desenvolverase no Castiñeiriño o 2 de xuño e contará coa presenza de bandas como Act-Ups (Lisboa), Riff Raff (Ferrol), Samesugas e The Royalties (Santiago) e Última Sacudida (Don Ramiro). O evento organízao a Asociación Cultural Xurásica.