O noso colaborador Moncho Iglesias, profesor en Belén, envíanos unha nova entrega da vida diaria de palestinos e xudeus.
Vales e montañas recobren os Altos do Golán que, entre as súas torres de verdor, escoden aldeas como Safed –berce e hospicio dos estudios cabalísticos- ou Merón –hospicio e tumba do rabí Shimon bar Iohai, Rashbi. Alí, en Merón, coma se fose un Woodstock sen flores ou unha rapa das bestas sen cabalos, celébrase a festa de Lag Ba’omer en medio de fogueiras de San Xoán sen ondas que as bañen nin borrallas que saltar. Música a todo volume durante unha noite enteira e o día que lle segue, milleiros de campistas e somnolentos visitantes que danzan sen cesar, e rodas enormes para cortarlle o pelo, por primeira vez, aos nenos de tres anos, son algúns dos condimentos.
O pasado 18 de Iiar do presente ano, 5767, no 33 día do Omer –é dicir: 6 de maio de 2007-, xuntáronse preto de trescentas mil persoas, ultraortodoxos xudeus na súa maioría, para conmemorar o aniversario da morte de Rashbi, autor, de acordo á tradición, do Zohar (A luz brillante), texto básico da Cábala. A festa, Lag Ba’omer, coincide 33 días despois do segundo día da Pascua xudía (Pessah), e márcase con festividades especiais prohibidas ata ese día, como vodas ou cortes de pelo, e a non necesidade de recitar certas oracións.
Tras Pessah comeza a colleita da cebada e o trigo. Entre unha e outra sitúase o período do Omer, no que os agricultores, coma o resto da xente, dedican o seu tempo a recoller todo o plantado durante o ano. Con todo, a alegría da recolección truncouse durante o exilio, cando as terras deixaron de ser traballadas. Esta etapa de loito está descrita no Talmud como un período de perda da esperanza da liberdade. Aí apúntase que 24000 estudantes do rabí Akiva morreron, nun intervalo de tempo moi curto, por non respectárense uns aos outros, aínda que o 33 de Omer non houbo ningún morto. Foi este día o único que sobreviviu á festividade e que hoxe en día é, maiormente, unha xornada de lembranza de Rashbi, quen pediu aos seus discípulos que festexasen ese día no seu recordo.
A Cábala
Rashbi naceu no século II e foi o primeiro en ensinar as dimensións místicas da Torah: a Cábala. Os misterios do libro sagrado pasaran, xeración tras xeración, dende a entrega das táboas da lei, entre círculos pechados de homes que ás veces nin se atrevían a repetir certas palabras. Foi Rashbi, na súa ieshiva (centro de estudos xudaicos) de Merón, quen comezou a predicar eses saberes secretos vedados para a gran maioría. E por iso que o rabí manteña un gran número de seguidores que respectan o seu labor predicador e que celebran todos os anos este día como un dos máis importantes da súa relixión.
O fume das fogueiras de Lag Ba’omer invade o país esa noite, nunha especie de peregrinación que percorre os lugares máis santos, nun intento de achegarse a Merón. Alí, a tumba de Rashbi convértese nun fervoroso centro de devocións que varían entre os rezos e os bailes. Nunha noite atacada de faíscas, para pasar un día en procesión, xudeus de todas as castes cítanse perante o féretro do rabí e pelexan por entrar no templo a dedicarlle uns bailes, uns rezos ou uns salaios.
Entre as tradicións para este día, amais das fogueiras, que cada ano aumentan, grazas as competicións por facer un lume máis grande, está o corte de pelo. Un neno deixa medrar o cabelo ata os tres anos e é daquela, co primeiro rapado, que deixa de ser bebé para ser neno. Amais, cumpre así co precepto bíblico de deixar uns rizos ao redor das orellas (Non faredes tonsura nas vosas cabezas, nin dañaredes a punta da vosa barba, Levítico 19:27). Unha cerimonia festiva acompaña o evento, no que o pai brinda polo rito iniciático e invita a outros homes a cantar por Rashbi.
Como vandálica e ecoloxicamente negativa definen algúns esta festividade que cada vez reúne a máis fieis. Mentres que uns atopan nela un motivo de alegría e reunión, outros critican o ritual por destruír en fogueiras cousas que aínda poden ter valor para o home. Sexa como for, Lag Ba’omer segue a ser unha das maiores peregrinacións en Terra Santa.
Unha crónica de Moncho Iglesias