Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O alcalde ultraortodoxo quere "xudaízar" a capital

Israel fai plans contra o crecemento demográfico árabe en Xerusalén

A Unión Europea e os EUA boicotean o que o executivo israelí bautizou como aniversario da "reunificación", en lembranza da ocupación do leste da cidade.

Redacción - 08:00 14/05/2007

A Unión Europea comunicoulle esta fin de semana ao goberno israelí que non haberá representación oficial nos actos de celebración do chamado Día da Reunificación. "Cremos que o futuro de Xerusalén debe ser parte das negociacións entre Israel e os Palestinos", declarou o representante da presidencia de quenda da UE, o alemán Harald Kinderman. Á decisión sumouse a representación diplomática dos Estados Unidos, que tamén evitará estar nas actividades convocadas.

A UE e os EUA subliñan así a súa negativa a recoñecer "o actual status de Xerusalén", no momento en que o executivo de Ehud Olmert pretende conmemorar os corenta anos do que definen como "reunificación" logo da ocupación do sector oriental da cidade despois da guerra de 1967. A ampla maioría da comunidade internacional non acepta formalmente esa ocupación.

Mentres, o alcalde da cidade, o ultraortodoxo Uri Lupoliansky, quéixase do crecemento demográfico da comunidade palestina na cidade e advirte que os grupos afíns a Hamás poderían controlala en apenas doce anos se a evolución segue o ritmo da última década. "Xerusalén, Deus non o queira, podería acabar non baixo soberanía xudía senón dominada por Hamás", afirmou Lupoliansky, pedíndolle ao goberno israelí que deseñe un plan para asegurar a Xerusalén como "capital de Israel durante toda a eternidade". Parte dese plan serían as reiteradas irregularidades urbanísticas permitidas nas áreas habitadas por xudeus ou accións como a recente aprobación da construción de tres asentamentos ultraortodoxos en Xerusalén leste para conectalos con varias colonias de Cisxordania onde viven 250 mil xudeus. Á vez, Ehud Olmert prometeu investimentos a curto prazo de até mil millóns de euros.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: