Incerteza e expectación fronte aos primeiros comicios locais despois da histórica viraxe na Xunta, coa caída do PPdeG e a chegada ao poder de PSdeG e BNG. Estamos ás portas dun novo punto de inflexión no país?
No cruce de Urzáiz coa rúa Colón, en Vigo, Alberte Núñez Feijoo. En Ourense, na explanada da Alameda, Emilio Pérez Touriño. E Anxo Quintana, en Santiago de Compostela, na Praza de Praterías. Son os escenarios principais da medianoite deste xoves, as que os respectivos líderes de PPdeG, PSdeG e BNG escolleron para a primeira pegada oficial de carteis, á beira dos candidatos das súas formacións políticas.
Algunhas preguntas a respondermos cara ao 27M
Seguirá a tendencia á baixa amosada polo PPdeG en cada unha das últimas citas electorais en Galiza? Será o cambio na Xunta unha clave para a viraxe na hexemonía do PP nos concellos ou predominará a continuidade? Sufrirán os populares unha caída aínda máis acusada logo de perderen o goberno? E en beneficio de quen xogará esa presunta perda de cota dos herdeiros de Manuel Fraga? Conseguirán rabuñar espazos as formacións que se presentan como centro-dereita galeguista? Son algunhas das inquedanzas posíbeis fronte á carreira electoral cara ao 27 de maio próximo.
Os partidos non se resisten a debuxar as perspectivas electorais en clave ampla, como balance dos seus respectivos labores en goberno e oposición. A críticas ás desavinzas no interior do bipartito son clave importante no guieiro dos candidatos do PP. As louvanzas aos éxitos da Xunta aparecen nos manuais de socialistas e nacionalistas, cada un deles explotando especialmente proxectos e promesas froito das respectivas consellarías xestionadas por cada grupo político. Máis aínda, PSOE e PP non se resistiron a enchoupar o escenario político municipal das súas propias leas no contorno do Estado e ás direccións dos partidos amósanse dispostas a xulgar os resultados do 27M como agoiro das vindeiras eleccións xerais.
Pero nas municipais xogarán máis factores: as propostas concretas para cada Concello e moi especialmente, os candidatos: as persoas que os veciños coñecen máis de preto e a capacidade destes para conseguiren a confianza dos electores.
Vigo e Ourense concentran esforzos
Conseguir a maioría absoluta en Vigo é a gran prioridade do PPdeG para estas eleccións municipais en Galiza. De xeito global, a campaña dos populares galegos quere mudar a tendencia dos últimos comicios e recuperar cota en todos os núcleos urbanos e especialmente, conseguir o favor entre a mocidade, onde os estudos amosan que a forza claramente minoritaria. Alén de centrar esforzos en manter as alcaldías que xa teñen nas cidades, no resto de cidades os populares din ser máis optimistas en Pontevedra.
Entre as principais ideas de campaña que pretenden lanzar os populares, están a de que só gobernarán onde sexan a forza máis votada. A súa estratexia pasa tamén por criticar con belixerancia os pactos de socialistas e nacionalistas. O PPdeG insistirá en denunciar os "problemas do bipartito", advertindo que esas desavinzas se trasladarían aos concellos onde se reedite o pacto.
Vigo é o gran obxectivo recoñecido pola executiva socialista. Alén da cidade olívica, aspiran a conseguir en Ourense uns resultados que lles poidan dar a alcaldía vía pacto. Algunhas das claves fundamentais do manual de campaña do PSdeG inclúen destacar a "renovación das lista"s, superior ao 40% respecto a 2003, e a aposta por un "urbanismo razoábel". Tratarán ademais de que a crispación ensaiada polo PP no resto do Estado se volva contra os populares nos comicios galegos.
A aposta "pola xente, os servizos sociais, a vivenda e a calidade de vida" é a clave do manual do BNG para esta campaña, arredor do lema "Concellos pensados para ti". Os nacionalistas aspiran a subliñar a "proximidade" aos cidadáns da formación, destacando a súa proposta de "rexeneración" municipal cara a unha "nova ética política". Ademais, salientarán o lema "Desde os concellos tamén se fai país".
No BNG teñen a convicción de que o 27M lles outorgará o poder na cidade de Ourense, contando coa perda da maioría absoluta do PPdeG e con tirar vantaxe sobre os socialistas, cos que pactarían o goberno local. Pontevedra será outro centro de atención especial, para o reforzo da campaña do actual alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.