A competición ten lugar nas pistas de atletismo Fontecarmoa da localidade arousá, por terceiro ano consecutivo.
Vilagarcía de Arousa organiza esta cuarta feira, por terceiro ano consecutivo, unha nova edición do Campionato galego de Atletismo de discapacitados psíquicos, que se disputa nas pistas de atletismo de Fontecarmoa.
Nesta edición está previsto que se acheguen á capital arousá para tomar parte no encontro, uns 300 deportistas, todos eles maiores de 16 anos.
Súmanse a estes adestradores, familiares, árbitros e profesores. En total, máis de 400 persoas reuniranse no complexo deportivo, entre as que se integrarán ademais os 22 atletas do club do colexio de Educación Especial de Vilagarcía.
Premio á organización
Establecéronse tres categorías neste campionato: xogos, deporte adaptado e competición, para os atletas que compiten sen ningunha clase de adaptación na técnica ou nunhas normas aplicábeis.
A competición está organizada pola Federación de Deporte para Minusválidos Psíquicos coa colaboración da Fundación de Deportes de Vilagarcía. Na pasada edición da Festa de Deporte Local recibiu unha mención especial á Mellor organización dun evento deportivo.