O realizador Pedro Amalio López recibirá o Fernando Rey a toda unha vida pola súa participación na posta en marcha da Televisión de Galicia.
Pedro Amalio López
O mércores a partir das nove e media da noite celébrase no Teatro Colón da Coruña a gala de entrega dos premios Mestre Mateo 2006. Serán en total vinte e cinco as estatuíñas que se repartirán en outras tantas categorías para valorar os mellores traballos audiovisuais do país durante o ano pasado, segundo a Academia Galega do Audiovisual.
Este ano batéronse as marcas no número de candidaturas presentadas: 125 traballos de 63 produtoras. A estraña parella que forman Manuel Manquiña e Antonio Durán Morris será a encargada de presentar a gala, mentres que a banda The Ellas dará a nota -musical- da velada.
O único premio cuxo propietario se coñece xa de antemán é o de honra Fernando Rey a toda unha vida. A xunta directiva da academia decidiu por unanimidade concederlle o galardón ao veterano realizador madrileño Pedro Amalio López, pola súa contribución á posta en marcha da Televisión de Galicia, en 1985 e, polo tanto, a impulsar o sector audiovisual na nosa lingua.
Vieiros: Como lembra aquel momento da posta en marcha da televisión autonómica?
Pedro Amalio López: Tiven a honra de participar en dúas: na de Televisión Española e na da Televisión de Galicia. É realmente emocionante, no senso máis directo da palabra. É unha sensación especial e dun certo temor da primeira vez, de como empeza a funcionar. Cada plano parece unha pequena milagre.
V: E como era o ambiente daquela?
P. A. L.: Había un grande entusiasmo, inquietude e inseguridade porque non se acababa de crer que aquilo era verdade, e chegaba o 25 de xullo e había que saír ao aire.
V: Cal foi o seu labor no arranque da Galega?
P. A. L.: O meu labor foi o de realización, de formar realizadores para o seu traballo na televisión.
V: E despois volveu a Televisión Española...
P. A. L.: Si, seguín realizando obras de teatro, aínda que cada vez se foron facendo menos. TVE xa estaba máis especializada.
V: E como ve a televisión que se fai hoxe?
P. A. L.: Cambiou, como todo. Os programas son distintos, o público é distinto, o contorno sociopolítico é distinto... Todo evolucionou, como evolucionan os tempos. A serie de reflexións con que se programa agora, coa competencia, non é a mesma que cando había unha soa televisión.
V: Adóitase dicir que a calidade da programación foi empeorando co paso do tempo...
P. A. L.: Pode ser que con máis cantidade descendese a calidade media. Séguese a facer programas excelentes, pero é difícil manter o nivel. Cando a programación é tan megalítica, é lóxico.
V: Vostede especializouse na realización de teatro televisivo. Por que xa non se emiten tantas obras na pequena pantalla?
P. A. L.: Aínda se emiten unhas poucas obras de teatro en TVE de cando en vez. O problema é que nestes momentos é practicamente imposíbel mercar obras en vixencia. Non se conceden os dereitos, e non só por obras de actualidade. Todo cambiou moito.