A Xunta e as fundacións Galicia Europa e Otero Pedraio lembran o papel que xogou a Xeración Nós cunha exposición e un debate.
Bandeira da Unión Europea
O 9 de maio é o Día de Europa. Nesta data, a Unión Europea lémbra o día en que, en 1950, Robert Schuman presentou a súa proposta de configurar o continente arredor dunhas relacións pacíficas. No noso país, as celebracións institucionais céntranse no pazo de Trasalba, en Amoeiro, e no Museo do Pobo Galego, en Compostela, onde a Xunta e a Fundación Galicia Europa lle renden homenaxe á Xeración Nós.
O mércores ábrese unha mostra con documentación escrita e audiovisual sobre unha xeira de autores que contribuíu á modernización de Galiza e á súa apertura a Europa. Así mesmo, desenvolverase un debate sobre o proceso de integración europea no que participarán Suso de Toro, Félix Soria, Xaime Barreiro Gil e Xosé Luís Barreiro Rivas.