É unha das metas apuntadas nas xornadas sobre "Compra pública ética", que buscan o compromiso das administracións co comercio xusto.
A incorporación de criterios éticos, sociais e medioambientais nas contratacións públicas é un obxectivo prioritario polo que presionan desde os colectivos sociais. A "Compra pública ética" está a debate esta semana en Galiza, no seminario organizado pola asociación Amarante en colaboración coa Universidade de Santiago.
Aproveitando a sétima edición da Semana Galega de Comercio Xusto, a meta é insistir en que o comercio xusto e o consumo responsábel gañe cota dentro das propias administracións. Alén das declaracións institucionais ou apoio a colectivos, as ONGs subliñan a existencia dese mecanismo directo para influír no mercado, a compra pública "ética": a posibilidade de xestionar máis responsabelmente millóns de euros saídos dos impostos pagados polos cidadáns e que son gastados en contratacións polos gobernos. Da importancia de avanzar neste camiño están as cifras da Unión Europea en gasto en subministros, servizos e obras públicas: arredor do 16% do PIB europeo.
Desde Amarante citan pequenas iniciativas representativas do que se pode facer. Tal é o caso do exemplo da Clean Clothes Comunities, unha rede de administracións locais europeas comprometidas en criterios éticos e sociais na compra de roupa.
"As iniciativas de compra pública ética contribúen a facer máis coherente o consumo institucional cos principios dos servizos públicos e a impulsar unhas políticas de responsabilidade social máis comprometidas por parte das empresas fornecedoras", apuntan.