Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais07

Xestionado por Vieiros
RSS de Municipais07
Primeiro debate 'municipal' entre os partidos

Entre un plan para o territorio ou un urbanismo "áxil" e "deixarlle facer" aos concellos

O urbanismo foi tema estrela este luns en Hai Debate, na TVG. Aló estaban Afonso Rueda (PPdeG), Ricardo Varela(PSdeG) e Anxo Quintana (BNG).

R.N. - 09:00 08/05/2007

"O lío dos alcaldes promotores non o montou o PP", afirmou o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, este luns diante das cámaras da TVG, "quen tratou de demonizar iso foi o PSOE, até que lles apareceron a eles, e agora parece que tamén ao BNG". Segundo Rueda, neste asunto os cidadáns queren "absoluta transparencia", e na súa opinión iso implica que non haxa problema en que un candidato do PP manifeste publicamente a súa condición de promotor. O representante do PPdeG acusou a socialistas e nacionalistas de manter unha visión "centralista" respecto do tema urbanístico e pediu que se lles "deixe facer" aos concellos, facilitando un "urbanismo áxil". Rueda subliñou que os populares confían na "capacidade dos concellos para facer urbanismo sustentábel" e acusou o actual executivo de suspender axudas para que os municipios fagan planeamento.

Ao respecto, o secretario de Organización do PsdeG, Ricardo Varela, retrucoulle que os populares permitiran un uso "discrecional" desas axudas e acusou os gobernos de Manuel Fraga de facer "política do avestruz" e "ocultamentos", insistindo en que o goberno actual aposta pola "transparencia" e pola revisión deses erros. "Estamos nun país que non está ordenado", laiouse, indicando que ao goberno actual correspóndelle corrixir as eivas deixadas polo anterior. "Os intereses dun concello e dun promotor poden non só non coincidir senón mesmo ser contraditorios", advertiulle Varela ao representante do PP, insistindo na incompatibilidade de ser alcalde e promotor. Na súa opinión, Galiza debe apostar por unha "nova cultura do urbanismo" que cualificou de "sostible e racional, e que non desfaga o territorio", lembrando ao fío a aprobación este martes da lei de protección do litoral, como exemplo das novas políticas.

Pola súa parte, o voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, subliñou que o urbanismo pode ser algo "positivo e enriquecedor", laiándose da visión que segundo reflexionou os outros partidos están contribuíndo a trasladarlle á sociedade. Nesa liña, destacou o exemplo do "concello onde eu fun alcalde", en referencia a Allariz, e salientou os tres eixos que nesta área temática propón o Bloque para esta campaña: poñer en marcha durante o primeiro ano de mandato plans xerais adaptados á nova lexislación; reservar un 40% de solo para vivenda protexida e evitar a monetarización do urbanismo, estabelecendo que cando menos a metade dos beneficios ingresados se destinen a construír pisos de protección. "Estamos acostumados a que se faga urbanismo para especular", queixouse Quintana, "e os cidadáns deben decidir o que queren: un alcalde que reserve un 40% de solo para vivenda pública ou un que diga tirade para adiante e deixade facer"

Áreas metropolitanas
Afonso Rueda aproveitou tamén para acusar ao actual goberno de bloquear o desenvolvemento das áreas metropolitanas galegas, en especial a de Vigo, indicando que aló se conseguira "o consenso de concellos de todos os colores políticos".

Sobre o asunto, Ricardo Varela lembroulle que o PPdeG sempre teimara en deixar ese proxecto para o treito final de lexislatura deixándoo a medio facer e prometeu que na axenda do actual executivo está a aprobación da área metropolitana de Vigo esta lexislatura. "E iso incluirá a descentralización da Deputación de Pontevedra, cousa que non lles gusta a vostedes", puntualizou.

Ao respecto do mesmo tema, Anxo Quintana comentou a necesidade de acabar con teorías do pasado baseadas en conceptos como o de "cidade-Estado" e apostar por alcaldes con "perspectiva de país", que sexan capaces de promover a cooperación entre concellos. Ao respecto das áreas metropolitanas afirmou que o BNG está a favor delas pero sen "meterlle máis burocracia á xente". "Por iso pedimos ao mesmo tempo que se supriman as deputacións provinciais", subliñou.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: