Non será até finais de xuño ou comezos de xullo cando deixe o poder, pero Tony Blair ten previsto anunciar a súa retirada esta semana.
Blair xa avisara que arredor destes días faría o anuncio sobre o seu futuro político inmediato, e as recentes eleccións locais fixeron que esa retirada vaia chegar despois dunha importante derrota para o seu partido.
O actual ministro de Finanzas, Gordon Brown, será o seu sucesor no posto. A débil situación do Partido Laborista freou a intención dalgúns posíbeis rivais na carreira da sucesión que malia non contar con apoios suficientes agardaban que o proceso servise para estimular o debate interno sobre o futuro do laborismo. O último en anunciar que non competirá con Brown é o actual ministro de Interior, John Reid. Con Blair marchando na metade do seu terceiro mandato, Brown terá tempo de tentar reconducir a tendencia que agora mesmo, segundo as enquisas, poñería aos conservadores de volta no goberno británico. Cara ás lexislativas de 2009, o torie David Cameron sae con vantaxe.
Con todo Blair deixa o goberno despois de completar a mediación nun exitoso proceso de paz en Irlanda do Norte. Esta semana asiste á conformación dun goberno impensábel hai poucos anos, que xuntará os unionistas do DUP de Ian Paisley co Sinn Fein de Gerry Adams.