O PSdeG, que ten recorridas 15, denunciou que os populares tamén teñen dúas. O BNG afirma o mesmo, e salienta que son os únicos que cumpren coa norma.
Alfonso Rueda presentou a denuncia ante os medios
O PPdeG anunciou este venres a impugnación de 35 listas electorais en 24 concellos, debido a que estas non cumpren coa Lei de paridade, aprobada recentemente e impulsada polo goberno español de Rodríguez Zapatero, que estabelece unha presencia feminina de entre o 40 e o 60 por cento da candidatura, naqueles concellos con máis de 5.000 habitantes. A porcentaxe débese cumprir incluíndo tamén aos suplentes.
Dende o PPdeG sinalan que "case a metade das listas impugnadas son do PSOE", partido que promoveu a lei. "Nós sempre nos opuxemos a súa aprobación, xa que consideramos que as mulleres son quen de chegar aos postos por méritos propios". "Puxemos en coñecemento da Xustiza esta situación para que sexa quen decida sobre a legalidade das candidaturas", comentan.
"Dobre moral"
Fontes do PSdeG cualificaron a actitude dos populares como de "dobre moral". Segundo estas, "trátase dun erro", xa que "á hora de calcular as porcentaxes non se tivo en conta aos candidatos suplentes". Ademais, engadiron que o Partido Socialista "tamén tiña constancia de dúas listas do PPdeG nas que sucedía o mesmo, mais non dixemos nada porque non seguimos ese tipo de xogo sucio que realiza o Partido Popular".
Pola súa banda, o BNG sinalou nun comunicado que "son a única forza política das que concorren ás municipais que cumpre cos requisitos da Lei de Igualdade en todas as súas candidaturas", malia admitir que a lista de Xinzo de Limia fora tamén impugnada polo PPdeG.
"O BNG en absoluto incumpre a lei na candidatura de Xinzo de Limia. O único que houbo foi un erro de transcrición por parte da xunta electoral de zona ao atribuírlle o xénero masculino á cabeza de lista nacionalista, Miren Itxaso Sanz Durán , que aparece como 'don' no canto de como 'dona'", sinalan.
E engaden, ao igual ca o PSdeG, que "os incumprimentos doutras candidaturas do PPdeG son manifestos en concellos como Carnota e Vimianzo".
Esquerda Unida, en Lugo
No Concello de Lugo chama a atención a impugnación da lista de Esquerda Unida (EU), un dos primeiros en aplicar o sistema da cremalleira, home-muller-home-muller, tal e como declarou o líder desta formación na cidade e secretario xeral do Partido Comunista en Galiza, Carlos Portomeñe.
Este afirma que a lista sufriu un erro ao se intercambiar o candidato do posto 21 (fóra da candidatura) pola do 20, e critica tamén o xogo sucio do PPdeG, que "agardou ao último momento sen dicir nada, até que finalizou o prazo de exposición de listas de 48 horas, para presentar un recurso pola vía do contencioso-administrativo".
Partido Galeguista, en Sarria
Portomeñe asegura que a súa lista non corre perigo "porque é completamente legal". Porén, este sábado todos os representantes dos partidos impugnados deberán presentar as oportunas alegacións, e o domingo acudir á vista perante o xuíz.
Outra circunstancia curiosa é o que acontece coa lista do Partido Galeguista en Sarria, tamén impugnada, mais neste caso o incumprimento da Lei de paridade está motivado por un exceso de candidatas mulleres.